Casa Miranda tamén se impón como gañadora por votación popular da Semana da Tortilla de Betanzos 2019

1268

Casa Miranda impúxose tamén como vencedor da votación popular da Semana da Tortilla de Betanzos 2019, tras ser escollido o pasado domingo como gañador do premio do xurado desta edición. Mesón O Progreso quedou en segundo lugar, e pechou o “podio” a Taberna Escondida, de entre os 22 establecementos participantes.

Emitíronse arredor de 300 votos, e entre todos eles realizarase un sorteo de catro cartóns por valor de 100 euros nos comercios asociados en ACEBE.

No reconto estiveron presentes o secretario municipal do Concello de Betanzos, o concelleiro de Mobilidade e Turismo, Pablo Beade, e o técnico responsable da Semana da Tortilla.

Coincide así, nesta edición, a gañadora da Semana da Tortilla 2019 tras os votos emitidos polo xurado profesional e polo xurado popular. Cómpre lembrar que o xurado profesional estivo presidido por Luís Veira, de Árbore da Veira e Estrela Michelín, quen destacou a dificultade para escoller o gañador, tendo en conta a calidade das tortillas presentadas; a concelleira de Festas e Comercio, Ángeles Veiga; e representantes da asociación gastronómica Lar de Unta, da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos; da Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos do Centro Histórico (Chescasco), Reserva da Biosfera As Mariñas-Betanzos, do facebook Betanceiros no Mundo; o xerente de O Parrulo e presidente do Club Gastronómico Rías Altas; un representante de Gadisa, como patrocinador; o fundador da Casa das Tortillas da Coruña, Francisco Gómez Seijo; e o xornalista Pablo Portabales.

Á vez que se realizou o anuncio do premio popular á mellor tortilla, a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, deu a coñecer que Betanzos participará, novamente, con caseta propia na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se terá lugar en Madrid o próximo ano. Nesta farase especial fincapé na promoción da tortilla dentro das distintas accións encadradas na promoción de Betanzos, dirixidas á potenciación do turismo gastronómico, a súa historia e a súa cultura.

Casa Miranda tamén se impuxo na final da Semana da Tortilla de Betanzos, logrando por quinta vez o premio mellor Tortilla de Betanzos, que xa conseguiu en 2011, 2013, 2014 e 2015. Casa Miranda clasificouse por diante de Taberna Escondida, Sinuessa, A Tixola e Mesón O Progreso. Do cinco finalistas, Sinuessa impúxose nas dúas últimas edicións (2017 e 2018) e Mesón O Progreso en 2016.