Chega a Betanzos “Puño, Puñete!” de Baobab Teatro este 17 de maio para celebrar as Letras Galegas

55

Este venres 17 de maio os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar do espectáculo infantil “Puño Puñete!” de Babobab Teatro na Aula Municipal de Cultura a partir das 12:00 h. A entrada ao espectáculo é de balde e ata completar a capacidade. Está recomendado para nenos e nenas de 1 a 7 anos e dura 45 minutos.

“Puño, Puñete!” é un espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral e así, partindo de “-Puño, Puñete, que tes por dentro? – Pan e fermento! – Puño, Puñete, que tes por fóra? – Pan e cebola!”, Baobab convida aos cativos/as cos seus papás e mamás a descubrir un mundo de sensacións e emocións. O espectáculo está pensado para os máis pequenos/as, e apoiado cun disco. “Puño, Puñete!” nace da necesidade de por en valor a nosa lingua, a lingua galega, e con este espectáculo faise unha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos.

O obxectivo de “Puño Puñete!” é facer dinamización social da lingua galega e chegar a unha ampla marxe de público e o resultado é un espectáculo musical, teatral e de palabras, onde o peso recae na lingua e no seu uso, un espectáculo que é un agasallo para os oídos e unha ferramenta para levar para casa, a través de xogos de man, dedos e o corpo enteiro. Puño Puñete! Trátase de sentir as palabras a través dos cinco sentidos.

O Concello de Betanzos organiza esta actividade para o Día das Letras Galegas dentro do Programa das Letras Galegas 2019 e do Programa Lingua a Escena da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Podes ver o tráiler da actividade aquí.