O Concello e a concesionaria do aparcadoiro de Betanzos manteñen o acordo de uso gratuíto para estadías inferiores a 20 minutos

183
Entrada do aparcadoiro da praza Irmans García Naveira

O Concello mantén o programa de 20 minutos gratuítos no aparcadoiro subterráneo da praza García Naveira para estacionamentos inferiores a 20 minutos, un sistema que se implantou hai uns anos con moi bos resultados. A medida, subvencionada polo Concello, converteu a Betanzos no único lugar de Galicia que promoveu este tipo de iniciativas desde unha Administración pública. A través desta subvención municipal, pódense beneficiar uns 2000 vehículos mensualmente, é dicir, uns 24 000 coches ao ano.

O acordo coa empresa non bonifica os primeiros 20 minutos, senón que ofrece a gratuidade aos vehículos que estean estacionados menos de 20 minutos.  É dicir, non é acumulable máis tempo. Unha persoa usuaria do aparcadoiro que estea neste por espazo de 25 minutos pagaría os 25 minutos. Se esta mesma persoa usuaria estivese os 20 minutos, non tería que pagar ningunha cantidade.

O acordo establece un horario de uso do aparcadoiro de nove da mañá a dúas da tarde e de cinco a oito da tarde, de luns a sábado, un horario netamente comercial para apoiar ao tecido comercial da cidade. A iniciativa ten como obxectivo facilitar as pequenas xestións, colaborar co comercio, e evitar os estacionamentos indebidos, especialmente, a dobre fila nas rúas do centro da cidade.