“Construíndomos na escrita”, un novo obradoiro de poesía e escrita creativa para mozos e mozas no IES As Mariñas

1608
Na imaxe están as escritoras galegas Antía Otero e Dores Tembrás, que imparten os obradoiros e compoñen Apiario.

Este luns, 28 de xaneiro, dará comezo no IES As Mariñas un novo obradoiro de poesía e escrita creativa “Construíndomos na escrita” para un grupo de mozos e mozas interesadas na escrita literaria en galego. Este obradoiro, que correrá por conta de Apiario, será conducido pola escritora galega Dores Tembrás e desenvolverase en varias sesións entre os meses de xaneiro e maio de 2019.

O Concello de Betanzos programa esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística logo dunha proposta da dirección e do Equipo de Dinamización Lingüística para desenvolver nun espazo máis longo de tempo os obradoiros de escrita que se veñen levando a cabo cada ano con motivo do Día do libro e para potenciar a participación no Concurso de creación literaria que este ano chega á súa novena edición.

Construíndomos na escrita” pretende, ante a grande barreira que adoita provocar a poesía e a literatura en xeral co alumnado, busca desmitificar multitude de tópicos que xorden arredor da escrita. As sesións afróntanse dende o sensorial e o interdisplinar, a través do debate colectivo arredor das experiencias, do emprego da propia voz para escoitar as palabras no eco, da relación que se crean entre elas na sinestesia e noutros recursos estilísticos, achegaranse ao misterioso xogo e á revelación que que proporciona a poesía, para chegar á escrita colectiva ao final de cada encontro.