Correos mellorará as súas instalacións fortalecendo a súa presenza en Betanzos e a súa comarca

1072
Edificio de Correos na avenida Alfonso IX, s/n

Acaba de solicitarlle a licenza de obra ao Concello cun proxecto no que investirá preto dun millón de euros.

Correos acaba de solicitarlle ao Concello licencia de obra para a rehabilitación do seu edificio, situado en pleno centro da cidade, no que investirá preto dun millón de euros. O inmoble ten actividade actualmente na súa planta baixa e semisoto e a idea é ocupar a totalidade do edificio, incorporando a primeira planta que ocupaban as vivendas, para situar nela unha área privada de xestión da actividade, coa selección, clasificación e repartición de correspondencia.

O proxecto, que está a ser informado polo persoal técnico municipal, mellorará notablemente o equipamento de Correos en Betanzos destinando para a actividade arredor de 850 metros cadrados en pleno centro urbano. A actuación recolle unha eliminación de toda a división interior das tres plantas, centrando todo o inmoble a uso exclusivo de oficina de Correos redistribuíndo os distintos espazos desde un punto de vista funcional.

A planta baixa seguirá centralizando a actividade pública con melloras nos accesos para persoas de mobilidade reducida. Nesta zona estará situada a área de atención ás persoas usuarias, con espazos de oficio e áreas de traballo. Tamén se instalarán ascensores para conectar todas as plantas.

A maiores das melloras que os traballos suporán para Correos, o alcalde, Ramón García Vázquez, destacou que a actuación “supón fortalecer a sede de Correos en Betanzos e, por extensión, na súa comarca”, mellorando os equipamentos “dun servizo básico”, algo que tamén pedía o Concello.

O primeiro edil explicou que a mellora do edificio súmase ás obras levadas a cabo nese mesmo contorno pola Garda Civil hai uns anos, coa consecuente mellora das súas instalacións que se completarán con outras actuacións no propio cuartel centradas no tellado, as baixantes e algunha reforma interior. Tamén se espera que Telefónica execute melloras no edificio próximo a Correos.