Cursos para a preparación dos Certificados de Lingua Galega do ano 2018

1640

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar no Diario Oficial de Galicia n.º 26, do 6 de febreiro de 2018, unha convocatoria de cursos preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4.

Nesta convocatoria está programado un curso preparatorio do Celga 3 en Betanzos, que terá lugar no IES As Mariñas e comezará o vindeiro 3 de abril. O curso é de setenta horas e desenvolverase en horario de 18:30 h a 21:00 h de luns a xoves ata o 23 de maio de 2018. Tamén se ofertan cursos presenciais de diferentes niveis en Carballo, na Coruña, Culleredo, Ferrol e Santiago de Compostela, así como cursos na modalidade de teleformación para o Celga 1 e o Celga 4.

Os cursos preparatorios do Celga poden ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos e o prazo de solicitudes está aberto desde mañá, 7 de febreiro ata o vindeiro día 26. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e opcionalmente poderanse presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Estes cursos de preparación para a obtención dos distintos niveis dos certificados de lingua galega son gratuítos.

As persoas interesadas poden solicitar máis información sobre os cursos preparatorios do Celga no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico [email protected].