Este domingo 7 de outubro, teatro para nenos e nenas da man da compañía Elefante Elegante

1575

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través do programa Falaredes da Rede de Dinamización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos programou para este domingo 7 de outubro, ás 12:00 h da mañá, na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns, a representación teatral para público infantil “Asubíos” da compañía Elefante Elegante.

Esta é a quinta das propostas do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2018 que percorrerá este outono, en exclusiva, 20 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da man da compañía Elefante Elegante.

Trátase dunha peza teatral dirixida a todos os públicos a partir de 3 anos e inspirada no conto Cada home é unha raza, do escritor mozambicano Mia Couto. Se no orixinal o tema fundamental é a discriminación racial, na adaptación de Elefante Elegante a temática xira arredor do medio natural e de como vivir en harmonía coa natureza. Trátase dunha alegación para unha vida respectuosa do ser humano coa terra que o acolle.

A Cidade Cinza era absolutamente silenciosa. Ninguén falaba, ninguén cantaba, ninguén ría e ninguén choraba. Naquela cidade unha morea de persoas camiñaba da casa para o traballo e da escola para a casa… sen parar. Non había unha soa flor, non habitaba unha soa árbore. Non había lugar para a natureza. Pero todas as mañás pasaba o vendedor de paxariños cargando unha fermosa gaiola de portas abertas con paxariños libres de cores alegres. As nenas e os nenos inundaban as rúas para asistir ao espectáculo. O vendedor collía unha guitarriña e acompañaba o frenético chiar da paxarada. Ao seu arredor, o mundo transformábase nunha fábula. Pero por detrás da cortinas, as xentes da cidade reprobaban aquel home que distraía as persoas das súas obrigas cotiáns. Pola súa banda, os mandaríns da cidade tentaron de tódolos xeitos evitar que a natureza e as súas cores lle roubasen a cidade cincenta o seu nome. Será que o conseguiron?

O Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados tanto no texto coma no xesto e no movemento. As súas pezas, que buscan sempre a universalidade, xorden da fusión de diferentes linguaxes: a palabra, o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. Nesta ocasión, a coidada estética que o caracteriza vai da man do respecto polo medio natural, das emocións, dos afectos e do humor para achegarlle ao público familiar, infantil e xuvenil teatro na lingua propia de Galicia.