Fomento atende as peticións do Concello para mellorar a situación da N-651 na Ribeira e minimizar os problemas de inundacións polas mareas na zona

1425

O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, amosou a súa satisfacción polo anuncio do Fomento de inicio das obras na Riberia, na N-651, que teñen como obxectivo paliar os problemas que sufre esta zona como consecuencia da suba das mareas. O primeiro edil explicou que se trata dunha actuación cun procemento administrativo de carácter urxente cun investimento de 900.000 euros.

“Trátase dunha actuación coa que se pretenden minimizar os efectos das mareas, demandada desde hai moito tempo pola veciñanza e polo Concello”, indicou. O primeiro edil explicou que desde a Alcaldía “se mantiñan desde hai meses contactos cos responsables do Ministerio, conversas que se incrementaron logo das inundacións do pasado mes de marzo, polo que era coñecedor, por eses contactos, que realizaría unha actuación”. Neste sentido, agradeceulle ao ministro, íñigo de la Serna e o seu equipo; ademais de agradecerllo aos responsables da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, encabezados por Ángel González del Río, e ao delegado do goberno, Santiago Villanueva, que “tivesen a sensibilidade de atender as peticións realizadas desde o Concello e que se incluíse esta actuación entre os proxectos de carácter urxente.”

O primeiro edil agarda que os traballos, que comezarán cunha toma de datos para logo desenvolver as obras necesarias na zona, tanto de drenaxe como de protección, minimicen os problemas que as mareas lle causan á veciñanza residente na zona e no tráfico rodado dunha estada nacional que nos últimos meses tivo que ser cortada durante horas, desviando “os vehículos, incluídos os camións, polo interior do barrio da Ribeira cos inconvenientes que isto supón”.

A actuación era unha antiga reivindicación tanto do Concello como da veciñanza do barrio.