Fomento inicia hoxe as obras para evitar as inundacións na Ribeira

1136
A alcaldesa, María Barral Varela, e o concelleiro de infraestruturas Antonio Vázquez, co xefe da Demarcación de Estradas en Galicia para concretar diversos aspectos dos traballos

Fomento empezará hoxe as obras coas que se pretende evitar as inundacións na Ribeira. A alcaldesa, María Barral Varela, reuniuse co xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Eduardo Toba, na zona na que comezarán os traballos para concretar diversos aspectos do proxecto. A primeira edil explicou que a actuación se prolongará durante varios meses tendo en conta que se trata dun proxecto “tecnicamente complexo” que afectará non só ao Malecón senón á rede de servizos e que será, pola súa singularidade, “todo un referente desde o punto de vista técnico”.

Precisamente polas características da obra e aínda que se realizaron numerosos estudos sobre a situación na que se atopan “as conexións, as entradas e saídas de auga, a incidencia e actuación das mareas….etc, o proxecto podería sufrir modificacións durante o seu desenvolvemento, fundamentalmente por aspectos técnicos, e sempre co obxectivo de evitar as inundacións como consecuencia da subida das mareas coincidindo con días de intensa choiva”, explicou a alcaldesa.

María Barral agradeceu persoalmente a Eduardo Toba a súa implicación e interese por tratar liquidar un problema que desde hai anos padecen, de forma directa, os veciños da Ribeira, así como os condutores da N-651 polos continuos cortes de tráfico; e lembrou o traballo realizado neste sentido tamén durante os últimos anos polo anterior alcalde, Ramón García Vázquez.

A actuación será executada a través dun procedemento administrativo de carácter urxente. Entre as obras que se executarán contémplase un novo colector para a recollida de augas pluviais ao longo do Malecón, nun tramo de máis de medio quilómetro de lonxitude; e a instalación de válvulas que eviten a entrada da auga do río cando suba a marea.

Os traballos contemplan varias actuacións. A primeira consistirá no peche do muro do Malecón. Pecharase nas zonas de escaleiras nas que actualmente está interrompido para permitir o acceso ás embarcacións, dándolle así continuidade en cota cos tramos adxacentes. Para permitir o acceso ás escaleiras construiranse catro banzos a cada lado do murete, salvando a altura do muro e desta forma impedir a entrada de auga cando o nivel do río sitúese por encima da cota 3,21.

A segunda centrarase na rede de drenaxe e levará aparellada diversos traballos. Para evitar a entrada de auga de mar a través da rede actual e conducir as augas de choiva ao pozo de bombeo durante os períodos de mareas altas será preciso construír unha rede de drenaxe complementaria á existente na actualidade que estará formada por diversos elementos:

  • Colector existente. Colocaranse válvulas-clapetas anti retorno nos desaugadoiros do colector existentes ao río para evitar a entrada de auga nos períodos de mareas altas ou crecidas do río Mandeo.

  • Renovarase a rede de recollida de pluviais da marxe exterior do Malecón, que recolle basicamente as augas do aparcadoiro en liña existente, construíndo un caz de formigón con novos sumidoiros que terán saída ao río mediante colector que terá, á súa vez, unha clapeta (válvula) que evite a entrada da auga do Mandeo en época de mareas altas ou crecidas.

  • Rede de sumidoiros e marxe interior. Renovarase a rede de sumidoiros da marxe interior da calzada para substituír os existentes que en numerosos casos atópanse en mal estado e noutros son ineficaces. Colocaranse válvulas antiretorno.

  • Colector pozo de bombeo. Construirase un novo colector paralelo ao existente que se encargará de conducir as augas de choiva ao pozo de bombeo que funcionará de telemática e cun xerador de apoio en épocas de niveis elevados no río Mandeo cando as cotas do río impidan o desaugadoiro dos colectores de augas pluviais. Este colector terá unha lonxitude de 582 metros e de 600 mm.