García Vázquez propón crear liñas de transporte que unan directamente Betanzos cos concellos da comarca

1059

O Concello de Betanzos ten como obxectivo mellorar as comunicacións coa Coruña e para iso coida que o primeiro paso é reducir o número de vehículos que diariamente circulan pola N-VI. Por esta razón considera que a alternativa ao coche sería a posibilidade de ofrecer un maior servizo de transporte público por estrada que cubra as necesidades non só da veciñanza de Betanzos senón de toda a comarca.

Neste sentido, o goberno local exporá, nas reunións que manteñen os concellos da área coruñesa coa Xunta para a mellora do transporte, que se contemple a creación de novas liñas, con diversas frecuencias, que conecten directamente Betanzos cos concellos da comarca e viceversa, dando continuidade a estas liñas coas conexións xa previstas entre Betanzos e A Coruña.

O obxectivo é dobre. Por unha banda, que os concellos da comarca teñan un bo servizo de conexión con Betanzos e evitar desprazamentos en coche para ir traballar ou realizar xestións en organismos que, como cabeceira de comarca, dispón a cidade: xulgados, Facenda, Deputación, centro de saúde, notarías etc. Por outro, que aquelas que queiran desprazarse a Betanzos ou A Coruña teñan conexións directas desde os concellos da comarca, primeiro con Betanzos para, desde aquí, facilitarlles o seu desprazamento á Coruña sen necesidade de “ir no seu vehículo particular”.

O goberno local explicou, ademais, que outra das propostas que se exporán será que ademais de que as liñas de Betanzos con Coruña cheguen a entrexardíns, como o fan desde hai unhas semanas, “haxa algunha frecuencia que chegue aos polígonos industriais” xa que hai persoas non só de Betanzos senón da comarca que traballan nos parques empresariais de Coruña como A Grela ou Pocomaco. Para o Concello sería necesario realizar un estudo que concrete e determine as horas nas que este servizo sería necesario para cubrir as necesidades de moitos traballadores e traballadoras.

Para o goberno local estes servizos reducirían de forma importante o número de vehículos na N-VI xunto a outra proposta, presentada hai un tempo, de eliminación ou abaratamento das peaxes da AP-9 en Macenda e en Guísamo. “Só con esta última reduciríanse nun 20% os vehículos na N-VI”. García Vázquez indicou que aínda que as comunicacións de Betanzos con Coruña son boas, “a veciñanza” de Betanzos e a súa comarca ten que sufrir día a día distintos embotellamentos para chegar á capital herculina, de aí a importancia de rebaixar as peaxes; e programar actuacións noutros servizos públicos como o de transporte por estrada ou o de ferrocarril, cos trens de proximidade”.

O alcalde insistiu na necesidade de elaborar un plan director que contemple a realidade actual e no que se determinen as actuacións “que deben contemplarse para mellorar a mobilidade”.