García Vázquez propón rebaixar as peaxes da AP-9 en Guísamo e Macenda para reducir o tráfico da N-VI nun 20%

216
Vista del peaje de la autopista AP-9 en Guísamo.

O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, expuxo na reunión de alcaldes coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, diversas melloras en infraestruturas viarias na comarca co obxectivo de reducir o número de vehículos na N-VI que, para o primeiro edil betanceiro, converteuse “nunha autentica travesía”.

O primeiro edil expuxo a eliminación ou abaratamento das peaxes da AP-9 en Macenda e en Guísamo, como xa se reclamou en varias ocasións por parte do Concello. “Con iso reduciríase nun 20% os vehículos na N-VI, que hai que descargar de tráfico”. Indicou que aínda que as comunicacións de Betanzos con Coruña son boas, “a veciñanza de Betanzos e a súa comarca ten que sufrir día a día distintos embotellamentos para chegar á capital herculina, de aí a importancia de rebaixar as peaxes; ter a conexión da Vía Ártabra e programar actuacións noutros servizos públicos como o de ferrocarril, cos trens de proximidade”. Considera, neste sentido, que é necesario que “unha vez que as liñas de transporte por estrada (buses) chegan ao centro da Coruña, tamén se estuden liñas aos polígonos industriais, en distintas frecuencias, e a posta en marcha dun servizo que conecten os concellos da comarca de Betanzos con Betanzos”.

O primeiro edil trasladou o seu apoio a que os autobuses urbanos da Coruña poidan realizar servizos na primeira zona da área (Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros) xa que iso “posibilitará tamén unha redución de vehículos na estrada e por tanto, unha mellora importante nos accesos á Coruña da veciñanza doutros concellos, neste caso, como Betanzos”.

O alcalde insistiu na necesidade de elaborar un plan director que contemple a realidade actual e no que se determinen as actuacións “que deben contemplarse para mellorar a mobilidade”.

Canto a obras, reiterou a necesidade de mellorar a seguridade na estrada que une Betanzos con Mesón do Vento e que nos últimos anos experimentou un importante aumento de tráfico polos vehículos que circulan entre a N-VI (desde Cortiñán) e esta vía; e pola entrada e saída da autovía A-6 en Montellos. Pediu melloras en tramos urbanos como Infesta, Guiliade, Montellos e desde a rotonda das Cascas ao Centro Pai Menni.