García Vázquez reuniuse cos anteriores alcaldes para tratar aspectos da celebración do 800 aniversario da cidade

1095
Sánchez Presedo, García Väzquez, María Faraldo, Vicente de la Fuente e Manuel Lagares durante a reunión

Betanzos, 20 de febreiro de 2018. O alcalde, Ramón García Vázquez, mantivo unha reunión cos catro anteriores alcaldes: Vicente de la Fuente, Antolín Sánchez Presedo; Manuel Lagares Pérez e María Faraldo Botana, respectivamente, para tratar diversos asuntos relacionados co 800 aniversario da cidade que se celebrará o próximo ano.

O primeiro edil explicoulle aos anteriores alcaldes que o Concello solicitara o apoio do goberno central para que este aniversario da fundación de Betanzos fose considerado acontecemento de excepcional interese público para os efectos do disposto no artigo 27 da Lei 49/2002, de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, nos orzamentos xerais do Estado para os anos 2019 e 2020. Esta consideración levaría aparelladas máximas deducións fiscais, o que permitiría abordar o ambicioso programa en condicións beneficiosas para o Concello de Betanzos.

Precisamente, sobre esa programación versou a reunión mantida esta mañá na que os anteriores alcaldes amosaron o seu apoio e colaboración ás iniciativas que se poidan levar a cabo por parte do Concello, achegando diversas suxestións que agora serán tratadas polo alcalde nunha reunión de portavoces que terá lugar o vindeiro xoves desta mesma semana, na que tamén estarán presentes diversas persoas vinculadas á historia e a cultura de Betanzos.

O primeiro edil indicou que se tratou dunha primeira reunión á espera de seguir agora avanzando na programación “que sairá das distintas achegas que se realicen”. García Vázquez agradeceu “que os anteriores alcaldes se involucren nunha cuestión tan importante para Betanzos de cara a participar activamente na programación dun evento co que pretendemos sentar as bases do futuro Betanzos cultural, que sirva non só para coñecer o que somos, o que fomos, senón tamén o que queremos ser”.