García Vázquez solicítalle a Ethel Vázquez que a Xunta incremente a seguridade na estrada Betanzos-Mesón do Vento coa construción de beirarrúas

1232
Imaxe de arquivo do alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, coa conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez

Betanzos, 19 de febreiro de 2018. O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, mantivo unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para tratar diversos temas que, segundo o goberno local, son necesarios “acometer” por parte da Xunta. Entre eles, a construción das beirarrúas na estrada que une Betanzos co Mesón do Vento e, de forma particular, no tramo entre a rotonda das Cascas e o centro Pai Menni. O alcalde solicitoulle á conselleira que por parte da Xunta execútese a construción de beirarrúas nesta zona para incrementar a seguridade peonil tendo en conta que o tramo é frecuentado diariamente por persoas usuarias do Centro Pai Menni que se desprazan desde o centro urbano, habitualmente en grupo e para os que é necesario “que as beirarrúas teñan continuidade”. O mesmo para moitas persoas que se desprazan ata a residencia da terceira idade que está situada na mesma zona.

O alcalde tamén trasladou á conselleira a súa “satisfacción” polo programa de compra de vivendas que a Xunta vai continuar no centro histórico “atendendo a petición formulada no seu día polo goberno local”. O primeiro edil valora que o compromiso adquirido pola  conselleira “á nosa petición que  agora se ve reflectido no programa que acaba de pór en marcha a Xunta para a compra de vivendas que se sumarán ás 11 xa adquiridas e para as que se destinan 500 000 euros.

García Vázquez explicou que se trata de actuacións que poden incentivar que particulares que ata agora “non se decidiron a executar obras de rehabilitación de inmobles nesta zona do centro histórico o fagan agora”.

Na Resolución publicada o pasado día 12 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia establécese unha área prioritaria para a compra destes inmobles, próxima á mesma zona na que a Xunta xa adquiriu o resto de vivendas que agora están en fase de recuperación. A oferta vai dirixida exclusivamente á adquisición, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, de inmobles de titularidade privada.

O inmoble deberá permitir, polo menos, a construción dunha vivenda por andar de polo menos dúas estadías que cumpran as condicións dimensionais establecidas nas Normas de habitabilidade de vivendas de Galicia; a configuración da planta deberá permitir unha idónea distribución interior, e poderán descartarse as ofertas que obriguen a distribucións nas que sexa preciso dispor dunha superficie desproporcionada para elementos de distribución e comunicación ou na que abunden espazos mortos ou de difícil utilización; e a altura libre mínima das estadías deberá poder conseguir os 2,35 metros de alto no 80 % da súa superficie.

O longo do inmoble deberá ser, como mínimo, de 4 metros. As condicións do inmoble deberán permitir unha iluminación idónea das estadías das vivendas que resulten da actuación. Agás que se poida xustificar doutro xeito, entenderase que as condicións de iluminación son acomodadas cando a superficie iluminable do inmoble sexa, como mínimo, do 80 % do resultado de descontar á superficie da planta a correspondente ao espazo previsto para elementos comúns, que se estimará en 13,20 metros cadrados construídos.

As persoas interesadas na oferta deberán presentar ante a Dirección Xeral do IGVS un escrito así como unha proposta do prezo esixido para a súa adquisición. Poderán presentarse tantos escritos como inmobles se pretendan vender ao IGVS.