Internet, Turismo e cambio climático, as tres propostas que centraron o debate do Pleno infantil

350

Betanzos celebrou  o seu Pleno Infantil, unha actividade organizada pola Concellería de Educación, Unicef, e os colexios Vales Villamarín e Atocha para conmemorar nun mesmo acto dúas datas significativas: Día da Infancia e o Día da Constitución.

Participaron 17 alumnos, de sexto curso de Educación Primaria, tantos como concelleiros compoñen a Corporación Local betanceira. Catro eran do colexio de Atocha, e outros 13 do colexio Vales Villamarín. Ademais da alcaldesa, Ana Sandá Hernández, do Vales Villamarín, o resto da Corporación Infantil estaba formada por Jorge Teijo Barral; Julia Sánchez Rey; Rosalía Fraga Barral; Nadya Folgueira Fente; Noa Amado Sanjuan; Lucía Asensi Rodríguez; Inés Bouzón Saavedra; Xiao Cachaza Hernández; María Cándido Dos Santos; Andrea Mallo Rodríguez; Julia Martínez Cernadas; Ana Limón Fernández; Mateo Martínez Iglesias; Amalia López Míguez; María Suárez Vázquez e Jaime Tomé García.

Os alumnos foron recibidos polo alcalde e concelleiros no salón de Plenos

O alcalde, Ramón García Vázquez, recibiu aos alumnos participantes no salón de Plenos xunto a outros concelleiros da Corporación para logo celebrar na Aula de Cultura do Liceo o Pleno infantil onde a alcaldesa, Ana Sandá, estivo acompañada durante o Pleno pola concelleira de Educación, María Barral.

A alcaldesa infantil e o alcalde de Betanzos

Na súa mensaxe, a alumna do Vales Villamarín pediu á nova corporación buscar puntos de confluencia e consenso nas iniciativas para mellorar a calidade de vida dos betanceiros para logo solicitar respecto, orde e capacidade de diálogo co fin de ter unha sesión plenaria gratificante e enriquecedora.

En total tratáronse tres puntos. Os dous primeiros presentados polo colexio de Atocha para pedir ao Concello que potencie o turismo de Betanzos e que leve Internet ata o propio centro escolar. Ambas propostas foron aprobadas.

En canto ao colexio Vales Villamarín planteou unha única proposta centrada no cambio climático pedindo ao Concello unha serie de actuacións para mellorar a situación. Esta proposta tamén foi aprobada.

A concelleira María Barral destacou “a importancia deste tipo de actividades para que os nenos coñezan o funcionamento dunha administración tan próxima como o Concello”. María Barral explicou que as propostas realizadas “son altamente positivas” e en moitas delas reflíctense o grao de “preocupación e concienciación” dos nenos por cuestións como a solidariedade, a educación, e o medio ambiente.

Felicitou non só aos 17 concelleiros senón ao resto de compañeiros que tamén estiveron presentes en aula de Cultura seguindo o pleno, así como aos seus profesores, polas iniciativas e o traballo realizado na elaboración das mesmas. “Vexo madeira entre os concelleiros para que nuns anos ocupen algún das cadeiras de brazos do Pleno”, indicou a edil de Servizos Sociais á vez que anunciou que as tres iniciativas “serán levadas a Pleno da Corporación local”.