Julia Soler inaugura unha exposición sobre banda deseñada incluida no plan de Igualdade do Concello

1071

A ilustradora coruñesa Julia Soler, con raigames familiares no concello e na comarca betanceiras, inaugurou unha mostra de ilustracións pertencentes ao ciclo “A Banda deseñada, unha ollada en feminino”. No acto estivo presente o concelleiro de Xuventude, Pablo Beade, por tratarse dunha actividade organizada pola OMIX conxuntamente co departamento de Servizos Sociais.

O concelleiro de Xuventude, Pablo Beade xunto a ilustradora coruñesa Julia Soler no acto inaugural.

Con esta actividade preténdese amosar aos máis novos como a muller pode desempeñar un papel en distintos sectores e profesións que ata fai ben pouco estaban moi masculinizadas, un deles é o da ilustración na banda deseñada.

A autora tivo ocasión de comentar cos presentes as técnicas utilizadas nestas obras, partindo dunha formación en gran parte autodidacta, mestura técnicas diversas como acuarela, rotuladores ou plumas de distintos estilos.

Algunha das obras, posiblemente verán a luz proximamente nun libro da autora alicantina, Chus Sánchez, no que se analiza o papel de varias mulleres pioneiras, como o caso de Marcela e Elisa, que en 1901, protagonizaron o primeiro intento de matrimonio homoxesual en España. A sarxento Ana María de Soto que no século XVIII conseguiu enrolarse como mariñeira e mesmo participar en batallas durante 5 anos, ata ser descuberta a súa condición feminina.

Na mostra que poderá ser visitada ata o vindeiro 13 de novembro poden verse dúas obras que fan referencia a estes acontecementos. Mais nesta exposición poderemos ver unha temática heteroxénea e variada con referencias a outras obras da banda deseñada ou ilustracións do mundo dos libros infantís. Proximamente o concello seguirá achegando o traballo das mozas que tentan abrirse paso no mundo da banda deseñada, cunha charla da autora Zaida Novoa para o alumnado dos IES da cidade.