A aula de Cultura do edificio Arquivo acolleu o sorteo nacional adicado a 800 Aniversario.

1018

Máis de dez millóns de décimos levaron por toda España a imaxe do 800 aniversario do traslado de Betanzos no que foi un dos maiores actos promocionais deste evento. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, durante a presentación do sorteo de Lotaría Nacional que tivo lugar o pasado sábado, día 2  do edificio Arquivo.

A primeira edil agradeceu que Lotarías e Apostas do Estado aceptase a petición realizada desde o Concello para acoller un dos “sorteos viaxeiros” e que ademais os décimos levasen a imaxe de Betanzos. Neste sentido, destacou a difusión que se fixo, grazas a Lotarías, a través de TVE coa transmisión en directo do sorteo e un vídeo promocional dedicado a Betanzos e o seu 800 aniversario. A primeira edil explicou que “polos datos que chegados ao Concello non só a veciñanza de Betanzos senón da comarca están a envorcarse con este sorteo, facendo que as administracións quedasen mesmo sen décimos, polo que tiveron que pedir máis cantidade. Ademais, houbo moitas peticións e esgotáronse números moi vinculados a esta celebración do 800 aniversario como o 15300, o código postal de Betanzos; o 00800 ou o 13219, que coincide coa data de celebración do propio 800 aniversario”.

O director de relacións institucionais, Manuel Gómez Amigó, agradeceu ao Concello “a súa disposición” para acoller este sorteo e compartir “o seu aniversario. Lotarías quixo compartir con todos os españois unha serie de actos ao longo do ano e que mellor oportunidade que un aniversario como o de Betanzos a través de dez millóns de décimos”.

Indicou que o sorteo do sábado foi o 400 dos sorteos viaxeiros desde que en 1964 se decidise iniciar este tipo de actividade lonxe de Madrid e o 17 que ten lugar na provincia da Coruña. O sorteo repartiu en total de 42 millóns de euros; un primeiro premio de 600 000 euros por serie e un segundo de 120 000 euros e en total máis de catro millóns de premios.

Para asistir ao Sorteo, o Concello distribuíu 160 entradas que foron sorteadas entre veciños/as empadroados/as en Betanzos. 80 entradas dobres que completaron a capacidade da Aula de Cultura xunto aos compromisos de Lotarías e Apostas do Estado, ao ter que axustar a capacidade da sala para adaptala á transmisión en directo por TVE.

Número premiados