Obras de mellora na avenida Juan García Naveira

2028
Rúa Juan García Naveira

O Concello acometeu  obras de mellora da avenida Juan García Naveira, situada na zona do parque do Pasatempo. Os traballos afectan a un tramo de 505 m de lonxitude que comunica a Avda. Fraga Iribarne coa Avda. do Carregal, sendo unha vía de comunicación importante dentro da trama urbana e con bastante circulación xa que na Avda. Fraga Iribarne se sitúan varias superficies comerciais e na Avda. do Carregal a maioría das instalacións deportivas, así como o emblemático parque enciclopédico do Pasatempo.

O investimento é duns 120 000 euros e inclúe a pavimentación, sinalización horizontal e limpeza das beiravías doutros viarios municipais, cuxas obras se están executando nestes momentos. Un, o camiño Braxe-Betanzos O Vello, en San Martiño de Tiobre, un camiño moi transitado xa que discorre desde a DP-0906 á N-651, facilitando o acceso a outros núcleos situados na zona. Esta vía ten unha lonxitude total de 1 681m, e o firme de asfalto está deteriorado en moitas zonas.

O segundo, é o acceso á igrexa de Requián, un viario que permite o acceso á igrexa parroquial, comunica os núcleos de Xanrozo e Requián. Trátase dun camiño moi transitado posto que é un dos principais accesos á igrexa parroquial, abarcando a parroquia a un gran número de núcleos rurais: Infesta, Xanrozo, A Graña, Montellos, Viúxe, O Farragoto, O Tarreo, As Casas Novas, Roibeira, Acea e parte de Guiliade.

Os traballos céntranse no acondicionamento e mellora deste tres vías públicas municipais que contan cunha gran circulación, formando parte das principais vías de comunicación a nivel do núcleo urbano, no caso da Avda. Juan García Naveira, e a nivel da infraestrutura viaria rural nos outros dous casos, todo iso co fin de evitar que a súa deterioración vaia en aumento e mantelos nunhas condicións adecuadas para o seu uso.

Rotonda

Como complemento aos traballos na avenida Juan García Naveira, o goberno local valora a construción dunha nova rotonda no cruzamento coa avenida Fraga Iribarne. Trátase dunha intersección cunha importante densidade de tráfico dado a contorna na que se atopa, con numerosos establecementos comerciais e o parque do Pasatempo. O Concello considera que a construción desta rotonda melloraría, por unha banda, a fluidez de tráfico e tamén incrementaría a seguridade.

Trataríase dunha rotonda similar á xa construída na avenida do Carregal no seu cruzamento coa avenida Fraga Iribarne que mellorou notablemente a fluidez de tráfico na zona e a seguridade dese cruzamento.