María Barral espera que a Casa Gótica poida incluírse finalmente no novo plan de compra de vivendas da Xunta no centro histórico de Betanzos

1193
A alcaldesa visitou xunto á conselleira de vivenda, Ethel Vázquez, dous dos inmobles da rúa da Cerca

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, trasladou á conselleira de Vivenda, Éthel Vázquez, a súa disposición para colaborar ao “máximo coa Xunta para continuar os programas de rehabilitación e compra de inmobles no centro histórico”.

A alcaldesa visitou xunto á conselleira dous dos inmobles da rúa da Cerca que a Xunta está a rehabilitar para vivendas de aluguer. Neste sentido, destacou o programa como “actuación que impulsará outras recuperacións de inmobles na mesma zona de ámbito privado, o que redundará nunha dinamización e un novo impulso do casco histórico”.

Lembrou que estes proxectos están a completarse cun importante programa municipal de investimentos en rúas do centro histórico, iniciado xa hai uns anos. Precisamente, unha delas é a rúa da Ceca, na que os traballos comezaron hai unhas semanas e nos que se contempla a substitución de toda a rede de servizos así como un novo pavimento, un proxecto que se une ao dos Soportais, Fonte de Unta, Peixaría, San Francisco, ou o previsto na travesía de Lanzós, entre outras.

En relación á Casa Gótica, a alcaldesa explicou que un dos obxectivos do goberno local era que o inmoble “se incluíse nalgún dos programas de rehabilitación da Xunta, como no seu día trasladou o anterior alcalde ao presidente Núñez Feijóo na reunión que ambos mantiveron o pasado mes de xaneiro. O feito de que agora se poida incluír nos programas de compra de inmobles por parte da Xunta é un paso moi importante, xa que o obxectivo do Concello segue sendo a recuperación deste emblemático inmoble”.