María Barral retoma ante a Xunta o proxecto para a construción dun Centro de Día en Betanzos

959

A alcaldesa, María Barral, solicitou unha reunión co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para tratar, o máis axiña posible, o proxecto de construción dun centro de Día en Betanzos. A primeira edil explicou que o obxectivo é retomar unha antiga demanda dun servizo que “a día de hoxe é máis que necesario”.

Na súa petición, a alcaldesa explica que se trata dunha petición “que xa foi tratada en varias ocasións durante os últimos anos sen que ata agora fose atendida”. Explica que a intención do goberno local “ é retomar esta iniciativa debido á demanda que existe xa non só en Betanzos senón noutros concellos da contorna, centralizando o servizo en Betanzos como cabeira de comarca”.

María Barral Varela indica ao conselleiro que o lugar adecuado, desde o seu punto de vista, son “ as antigas instalacións do centro de saúde, situadas no centro da cidade e cunha superficie suficiente para albergar este novo servizo. Estas dependencias foron, no seu día, expostas á Xunta aínda que se optou, desde a Consellería, por outras alternativas na zona do Carregal, que, finalmente, tampouco concretáronse”.

Para a alcaldesa, a importancia que ten para Betanzos o “Centro de Día fai que, como trasladei tamén en Pleno á Corporación, a día de hoxe tanto a primeira como a segunda alternativa que se barallaban sexan válidas para o Concello. Desde o aspecto técnico, calquera das dúas localizacións tamén eran óptimas”.

Neste sentido, explica que unha delas “sería nun edificio que habería que adaptar e a segunda nunha nova construción. Aínda que nos inclinamos pola primeira opción, o importante neste momento é poder ofrecer o servizo aos nosos veciños, independentemente do lugar no que estea finalmente situado, tendo en conta o tempo transcorrido desde que se expuxo por primeira vez”.

A primeira edil pretende analizar toda a situación “e poder expor unha colaboración entre as dúas administracións” nunha reunión que espera poder manter canto antes.