O Concello facilitaralle o transporte á veciñanza que desexe asistir á 5.ª Marcha a Meirás pola devolución do Pazo que terá lugar o vindeiro día 10

1405

Betanzos, 5 de novembro de 2018. O Concello porá autobuses a disposición dos veciños e veciñas de Betanzos que desexen asistir á 5.ª Marcha a Meirás que terá lugar o vindeiro sábado día 10 – impulsada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e convocada conxuntamente por numerosas organizacións políticas, sindicais, culturais e sociais – pola devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público. O acto terá lugar ás 12:00 h diante ao monumento ás vítimas do franquismo, no Paseo Marítimo de Sada para logo rematar ás 13:00 h cunha concentración diante do Pazo de Meirás.

A saída de Betanzos sería o sábado ás 11:30 h dende a parada de bus do palco da música.

As persoas interesadas poderán inscribirse nas Oficinas municipais do edificio Liceo ou no correo electrónico [email protected] antes das 12:00 h do vindeiro venres día 9.

O Concello aprobou no último pleno unha moción conxunta de PsdeG-PSOE, Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Betanzos en Común na que amosaban o apoio da Corporación á 5.ª Marcha a Meirás continuando cos acordos unánimes acadados na Deputación da Coruña, Parlamento Galego e moitos concellos de Galicia.

A moción lembraba que o 19 de novembro de 2005, véspera do 30 aniversario de morte do ditador Franco, a CRMH convocaba a 1.ª Marcha Cívica a Meirás, reivindicando a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público. Durante estes anos convocáronse diversas mobilizacións cívicas, todas elas coa mesma reclamación á familia Franco: “Devolverlle ao pobo o que é do pobo”.

Despois de moitos anos explicando o espolio continuado ou roubo de Meirás, o Parlamento Galego aprobaba por unanimidade o 11 de xullo de 2018 unha proposición non de lei que instaba ao Estado a iniciar accións xudiciais, interpoñendo unha demanda civil, que permita recuperar o pazo de Meirás para o patrimonio público, sen que isto supoña un novo custo para o pobo de Galicia.

Este acordo desmonta o mito do suposto “regalo do pobo” e, tal como recolle o ditame da Comisión de Expertos, considera probado que o pazo de Meirás é un edificio público, utilizado institucionalmente como residencia oficial da Xefatura do Estado, mantido con fondos estatais durante a ditadura, desde 1938 até 1975. O informe desa comisión recolle que o Estado asumiu durante eses anos o mantemento, a realización de todo tipo de obras de reforma (máis de 21 millóns de pesetas) e a adquisición de novas parcelas, que pasaron a conformar o patrimonio particular do ditador.

Por outra parte, os informes (histórico e xurídico) elaborados a petición da Deputación da Coruña e da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, sinalan a nulidade do titulo de propiedade de 1941, xa que está probado que se trataba dunha simulación fraudulenta dunha compravenda porque a suposta “doazón” ao ditador era de 1938, en calidade de xefe de Estado.

O pleno da Deputación da Coruña de 23 de marzo de 2018 acordaba, tamén por unanimidade, instar ao Estado a “exercitar as accións administrativas e xudiciais oportunas para os efectos de recuperación posesoria e de oficio para o patrimonio público do pazo de Meirás”.

Sendo conscientes de que a aprobación de iniciativas institucionais debe ir acompañada da necesaria concienciación e mobilización da cidadanía, e sendo conscientes de que a unanimidade acadada en Deputación da Coruña, Parlamento Galego e moitos concellos galegos debe manterse, os grupos municipais do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Betanzos en Común no Concello de Betanzos, presentaban a moción de apoio no que tamén se incluía realizar nos respectivos espazos de representación institucional a difusión máis ampla posible da convocatoria e facilitar o desprazamento das persoas interesadas ata Sada.