O 30% das persoas participantes no obradoiro de dependencia clausurado en Betanzos xa atopou traballo

1338
O alcalde de Betanzos , Ramón García Vázquez, xunto cos alcaldes de Betanzos Abegondo, Carral, Coirós e Paderne, clausurou un novo obradoiro de emprego

Ademais de Betanzos participaron Abegondo, Carral, Coirós e Paderne que solicitarán conxuntamente novos programas para o curso 2018/19.

Betanzos xunto cos concellos de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne clausurou hun novo obradoiro de emprego. Trátase dun proxecto, concedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, no que se deu formación a 20 persoas en dúas especialidades: promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade e atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. O proxecto foi presentado polos cinco municipios baixo o título: “A dependencia: emprego sostible”.

O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou a importancia do proxecto “non só desde o punto de vista de inserción laboral senón que tamén como exemplo de colaboración institucional, de entendemento entre administracións”.

Destacou que se trata dun obradoiro con especialidades moi demandadas e, por extensión, “unhas das que máis saídas laborais ten e na que ademais nos estamos implicando as administracións por unha banda, mais tamén a iniciativa privada por outro, como é o coidado de persoas dependentes”. De feito, explicou que a día de hoxe das 20 persoas que participaron, o 30% xa atoparon traballo.

O primeiro edil lembrou que o proxecto completou outro executado anteriormente centrado na integración social e coidado á dependencia que “foi posible tamén grazas á colaboración que existe entre os concellos e a Xunta. Sen dúbida, os resultados do primeiro leváronnos a repetir a experiencia de unión, á que se incorporou Carral, despois de que superásemos o 60% de inserción laboral”.

Ás 20 persoas desempregadas hai que sumarlle as seis docentes, tamén en situación de desemprego, que impartiron a formación. Ademais dos coñecementos teóricos os 20 alumnos e alumnas realizaron prácticas no centro Pai Menni-Irmás Hospitalarias e en Aspronaga.

O custo do obradoiro alcanzou os 279 959 euros. Durante os nove meses de duración do mesmo se impartiron clases teóricas e prácticas a maiores de formación en orientación laboral, empresarial, prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental e igualdade de xénero.

O alcalde anunciou que esta experiencia conxunta de varios concellos “non será a última e que xa se solicitou un novo programa, con dous obradoiros, para o período 2018-2019: Un de 9 meses de duración “A dependencia: alternativa de emprego” e outro de 6 meses de Garantía Xuvenil “Emprendemento xuvenil”, con participación dos mesmos municipios.