O alcalde valora o investimento de 500.000 euros para a compra de novas vivendas no centro histórico por parte da Xunta

1205
ImaeRúa da Cerca

Betanzos, 15 de xaneiro de 2018. O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, valorou que a Xunta destine 500 000 euros para a adquisición de novas vivendas no centro histórico de Betanzos. O rexedor amosou a súa satisfacción de que o executivo galego atenda as peticións efectuadas polo Consistorio tanto no referente a acelerar a recuperación das vivendas que tiña adquiridas como na compra de novos inmobles. García Vázquez explicou que se trata de actuacións que poden incentivar que particulares que ata agora “non se decidiron a executar obras de rehabilitación de inmobles nesta zona do centro histórico o fagan agora”.

A partida destinada pola Xunta é de 500.000 euros e na Resolución publicada o pasado día 12 no Diario Oficial de Galicia establécese unha área prioritaria para a compra destes inmobles, próxima á mesma zona na que a Xunta xa adquiriu o resto de vivendas que agora están en fase de recuperación. A oferta vai dirixida exclusivamente á adquisición, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, de inmobles de titularidade privada.

O inmoble deberá permitir, polo menos, a construción dunha vivenda por planta de polo menos dúas estadías que cumpran as condicións dimensionais establecidas nas Normas de habitabilidade de vivendas de Galicia; a configuración da planta deberá permitir unha idónea distribución interior, podendo descartarse as ofertas que obriguen a distribucións nas que sexa preciso dispor dunha superficie desproporcionada para elementos de distribución e comunicación ou na que abunden espazos mortos ou de difícil utilización; e a altura libre mínima das estancias deberá poder conseguir os 2,35 metros de alto no 80 % da súa superficie.

O longo do inmoble deberá ser, como mínimo, de 4 metros. As condicións do inmoble deberán permitir unha iluminación idónea das estadías das vivendas que resulten da actuación. Agás que se poida xustificar doutro xeito, entenderase que as condicións de iluminación son acomodadas cando a superficie iluminable do inmoble sexa, como mínimo, do 80 % do resultado de descontar á superficie da planta a correspondente ao espazo previsto para elementos comúns, que se estimará en 13,20 metros cadrados construídos.

As persoas interesadas na oferta deberán presentar ante a Dirección Xeral do IGVS un escrito así como unha proposta do prezo esixido para a súa adquisición. Poderán presentarse tantos escritos como inmobles se pretendan vender ao IGVS.

Casa Gótica

O anuncio da Xunta faise oficial apenas dous días despois de que o alcalde reiterase esta semana ao presidente da Xunta “a súa disposición para colaborar con accións conxuntas no centro histórico de cara ao futuro e expuxo que entre esas actuacións se incluía a recuperación da coñecida como Casa Gótica, unha petición que será estudada polo executivo galego”.

Ver no DOGA do venres 12 de xaneiro: VER