O alumnado do aulario de infantil xa pode acceder ao centro a través do novo patio cuberto logo de que finalizaran as obras

808

O alumnado do aulario de Infantil do colexio Vales Villamarin xa pode acceder ao centro, a través do novo patio cuberto e así evitar a zona verde na que estes días se creaba unha lámina de auga que dificultaba a entrada ao colexio. A empresa reaccionou así ás exixencias do Concello e acelerou os traballos na zona do patio cuberto para habilitar a entrada do alumnado a partir de mañá mércores.

O concelleiro de Educación, Andrés Hermida, explicou que unha vez que se habilitou a entrada, o Concello esixiulle á empresa que acondicione a zona verde, afectada polo paso de maquinaria e camións da obra, e que conclúa a instalación dos xogos infantís. Esta última área seguirá delimitada con valos para impedir o acceso dos pequenos. O edil indicou que a pesar dos avances das últimas horas, o goberno local pediralle responsabilidades á empresa, a través das canles administrativas, polo atraso acumulado e os problemas causados.

O incumprimento do prazo establecido para o 26 de setembro fixo que o Concello, xunto coa dirección do colexio tivesen que delimitar as zonas de paso para garantir a seguridade e asumir que os traballos non estaban terminados porque, segundo a empresa, “durante o mes de agosto non recibira a subministración necesaria para concluír as obras na zona do patio cuberto”. Pasado case un mes desde entón, os traballos, a pesar de avanzar, “aínda non concluíron” polo que o Concello anunciou onte a súa intención de esixirlle  responsabilidades, máis aínda tendo en conta “que a condición principal nos pregos de licitación do proxecto eran os prazos de execución das obras para empezar nada máis finalizase o curso escolar 2018-2019 para que estivesen finalizados ao comezo deste curso escolar, 2019-2020.

Andrés Hermida, lembrou que se trata dunha obra “prioritaria para o Concello e a comunidade escolar, e que o Concello realizou con fondos propios ante a negativa da Xunta de facela cando é unha actuación da súa competencia. Por iso -insistiu- o Concello non pode permitir máis atrasos despois de apostar  por un equipamento tan necesario como este e cando puxo todos os medios para que o aulario tivese un patio cuberto”.

O proxecto ten un orzamento de 160.729 euros, recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para o alumnado ata alcanzar os 370 metros cadrados, ademais dunha zona verde e un espazo de xogos infantís