O centro histórico converteuse en capital do jazz coa VIII edición do festival “BetanJazz +”

14

O BetanJazz + chegou este ano á súa VIII edición e xa é unha das citas ineludibles do verán musical betanceiro. O ciclo desenvolveuse os días 19, 20 e 21 ás 21:30 h na praza da Constitución.

O jazz naceu do contaxio de diferentes músicas e leva tempo contaxiando outras músicas do mundo. Así, o festival confirma o seu formato e os seus horizontes para dar cabida ás novas expresións da música improvisada contemporánea. BetanJazz + quere ser unha xanela en que o público terá a posibilidade de poder coñecer de primeira man propostas que representan hoxe o diálogo entre as músicas do mundo e a música improvisada que se fai en Galicia.

O ciclo comezou o día 19 con Garelos Jazz Quintet, que nace  da idea de instaurar de novo unha agrupación jazzística na cidade de Betanzos. O son do jazz dos anos 40 e 50, aderezado con matices de soul, blues e música latina, da voz ao repertorio desta banda. Un repertorio orixinal constituído por composicións propias así como arranxos de standards e cancións populares. Cinco músicos brigantinos unidos nun directo enérxico, que tratará de debuxar en son as vivencias dun garelo

O día 20 foi a quenda para Alfredo García Quartet, unha evolución da anterior formación, que colleitou éxitos en festivais de jazz galegos e galardóns como o primeiro premio no Concurso de Maquetas Jazz Fusión organizado por FNAC. Tras a maqueta o proxecto converteuse no álbum “Riding into a new path”. O seu actual proxecto esta fundamentado en temas orixinais, coa excepción dun par de versións con innovadores arranxos en sintonía coa estética musical da formación. A música do grupo, enraizada no jazz, aproveita o mellor de outros estilos como o funk, o rock ou a world music.

Rematarou o ciclo “NÓs”, o terceiro traballo dun proxecto que comezou con “Solo” e seguiu con “Flamenco Translations”. Con NÓs péchase o círculo; tres discos arredor da idea de traducir, adaptar e resituar músicas partindo da linguaxe da guitarra flamenca. A corda e a madeira son os elementos fundamentais para construír o son deste disco que ten a Translations trío como pedra angular. NÓs é mestizo e persoal, é un encontro e as músicas que o compoñen viaxan a través dunha nova e suxestiva paisaxe sonora. O flamenco e o jazz para adaptar e resituarse nesa paisaxe. NÓs corda e madeira, piano e baile, caixón, contrabaixo e guitarra. NÓs cubanos, nós flamencos, nós xitanos, nós galegos. Un concerto para ver, escoitar e sentir.