O Concello abre un prazo de suxestións previo á programación da próxima Feira Medieval

1313
Torneo medieval
O Concello acaba de abrir unha campaña de recollida de suxestións para a edición deste ano da Feira Franca Medieval que se celebrará o segundo fin de semana do próximo mes de xullo. O éxito da Feira e a consolidación como cita de interese non só local nin comarcal senón rexional “está fóra de toda dúbida”, sinalan responsables municipais, pero á programación base que o Concello desenvolve cada ano “pretendemos incorporar novas actividades”.
Tamén na organización. Na pasada edición recolocáronse postos, como o de cetrería, que pasou do atrio de Santa María a á rúa Nova, para crear novos espazos na primeira zona; ou reservar o Cantón de Claudino Pita para o campamento medieval. Pequenos cambios que “se realizan cada ano, algúns por observación dos técnicos municipais e outros por achegas que durante os días de Feira chegan dos responsables dos postos ou dalgúns veciños”, explica o goberno local.
Partindo deste feito, o Concello abriu un período de suxestións ao longo do mes de marzo, desde o 1 ao 31. As persoas que queiran poderán trasladar a unha dirección de correo [email protected] as súas achegas que poden estar relacionadas coa representación de escenas, coa disposición de postos, rúas, etc.
“Cada un pode achegar o que estíme conveniente, todas serán ben recibidas”, explica a concelleira responsable da Feira Medieval, Mónica Carneiro. Cando finalice o prazo, os responsables técnicos da feira valorarán estas achegas.
A Feira Medieval é unha das citas máis importantes de Betanzos polo número de persoas que durante eses días visitan a cidade e a participación masiva dos propios betanceiros. Este ano a feira chegará á súa 21 edición o que a converte nunha das máis lonxevas de cantas celébranse en Galicia e referente da comunidade. De feito, cada ano o Concello recibe peticións doutros municipios que tamén celebran feiras históricas para que “lles asesoremos e expliquemos aspectos da organización. Habitualmente desprázanse a Betanzos para ver eses días como se desenvolve a feira, pero non só de Galicia senón doutros lugares de España”, explica a edil.