O Concello ábrelle un expediente de resolución do contrato á empresa do servizo de axuda no fogar

929

O Concello abriulle expediente de resolución de contrato á empresa adxudicataria do servizo de prestación de axuda a domicilio polos “incumprimentos reiterados das súas obrigas contractuais na prestación do servizo” de acordo co indicado “no informe de Servizos Sociais e co establecido non artigo 212 do TRLCSP e nos pregos reguladores da contratación”. O Concello daralle agora un prazo de 15 días para que a empresa alegue o que estime oportuno. Logo será a Secretaría e Intervención as que emitan os pertinentes informes sobre a eventual resolución do contrato polos incumprimentos do contratista.

O expediente de resolución do contrato iníciase despois de que Servizos Sociais detectara durante o mes de outubro unha serie de irregularidades na prestación do servizo que foron detalladas nun informe solicitado pola Alcaldía á coordinada de Servizos Sociais. Entre outras, figuraba a existencia dunha desinformación xeral do desenvolvemento do servizo por parte da empresa aos responsables do departamento municipal; descoñecemento por parte de Servizos Sociais de incidencias que xorden nos domicilios e das modificacións na prestación de servizos; a falta de informes individuais de seguimento ademais de domicilios sen atender, sen activar o protocolo establecido e sen contactar coas familias afectadas, chegando a información ao Concello a través das propias familias. Con motivo deste informe, o Concello concedeulle un prazo de dez días á empresa para presentar as alegacións que estimase oportunas, que presentou por rexistro o 14 de novembro. Nelas, a empresa dá unha serie de explicacións sobre os feitos reflectidos no informe do departamento de Servizos Sociais, recoñecendo moitos deles como que “houbo erros na cobertura de servizos e na comunicación coas familias” ou “atraso na comunicación de incidencias”, entre outras cuestións.

As alegacións foron estudadas polos servizos municipais que emitiron un novo informe  e tamén mantiveron unha xuntanza con representantes da empresa para intentar reconducir o servizo. A adxudicataria  recoñeceu diversos problemas, asumindo a súa responsabilidade e comprometéndose a poñer os medios necesarios para restablecer o bo funcionamento do servizo e aceptar a esixencia do Concello de  que o servizo volva a prestarse con criterios de calidade para garantir a atención e o benestar dás persoas usuarias.

O Concello pretende evitar que un servizo cuxo obxectivo é a atención diaria de persoas que dependen desta axuda para a realización das actividades básicas da vida cotiá, lles cause graves prexuízos polo que entende que “non se pode dilatar máis os tempos de resposta por parte da empresa concesionaria”. Lembra que durante as últimas semanas as traballadoras sociais municipais están tratando de facer un seguimento do desenvolvemento do servizo, encargándose diariamente de coñecer as incidencias que van xurdindo e tratar de solucionalas.

A pesar diso, ante os incumprimentos xurdidos nas últimas semanas, o Concello abriulle o expediente de resolución de contrato, tal e como anunciou onte no Pleno o grupo de goberno. A situación detectada no pasado mes de outubro nada ten que ver coa que se produciu con esta mesma empresa meses atrás, xa que naquel momento as queixas que se recibiron no Concello por parte de persoas usuarias tiñan a súa orixe en problemas laborais entre a empresa e o persoal, alleos ao Concello que o único que puido facer era “mediar entre as partes”. De feito, o informe emitido pola Xunta sobre a prestación do servizo naquel momento concluía que existía “un alto grao de satisfacción por parte das persoas usuarias co servizo”.