O Concello abriralle un expediente sancionador aos propietarios da “Fábrica da Luz” tras non adoptar as medidas de seguridade requiridas

89
O edificio está situado na avenida da Coruña

O Concello abriralle un expediente sancionador á empresa General de Edificios e Solares (GESS), propietaria do edificio coñecido como “Fábrica da Luz”, situado na avenida da Coruña, despois de que a policía urbanística comprobase que non foi executada a orde na que se lle esixía á empresa proceder á execución de diversas actuacións de seguridade e protección. O Concello trasladaba a orde o pasado mes de febreiro dando un prazo de dous meses de prazo ás persoas propietarias para acometer as obras, despois de recibir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha vez incoado, en xuño de 2017, o expediente de inclusión do edificio no catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

Este novo incumprimento súmase ao do 24 de febreiro de 2017. Precisamente, o feito de que desde febreiro de 2017 non se realizase ningunha actuación no inmoble, levou ao Concello a abrir en febreiro deste ano un segundo expediente cunha serie de actuacións que varios meses despois seguen sen realizarse. A situación obrígalle ao Concello a abrir un expediente sancionador con base á Lei de solo de Galicia, de execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas reiterables ata lograr a execución das obras ordenadas, que pode derivar tamén na execución subsidiaria das actuacións.

A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello non vai “tolerar que a situación continúe igual” e que adoptará “as medidas que teña na súa man para que a empresa propietaria do inmoble realice o que o persoal técnico considera que debe executar para garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación”.

O Concello insistiu no seu último requirimento na necesidade de retirar elementos soltos e disgregados, entre os que se atopaban caleiros de recollida de augas, ademais de apontoar e reforzar diversas zonas sólidas do edificio, entre elas, o interior da estrutura principal e secundaria co fin de evitar derrubamentos parciais como se produciron anteriormente e garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación.

Estes apontoamentos deberían ser executados por unha empresa especializada na materia e baixo a dirección e supervisión dun/ha técnico/a responsable competente. Tamén tería que delimitar e valar a vía pública mentres non se adoptasen estas medidas.

Estas actuacións axústanse ás determinacións recollidas na autorización que outorgou a Dirección Xeral de Patrimonio na que explicitamente se dá o visto e prace ás obras para garantir e manter as características e elementos singulares do edificio.