O Concello alerta que pode aparecer turbidez na auga debido as condicións no Mendo

1160
Ramón García Vázquez e o concelleiro de infraestruturas Antonio Vázquez durante unha visita as instalacións da pranta de captación de auga

As choivas dos últimos días provocaron que a auga dos ríos, especialmente o Mendo, “baixe” máis revolta, con maior cantidade de barro debido aos arrastres, o que está a dificultar os labores de tratamento a pesar dos esforzos dos operarios da empresa concesionaria porque a auga chegue nas mellores condicións aos domicilios.

Esta situación pode provocar que en momentos determinados “a auga puidese aparecer con turbidez nos domicilios”. No entanto, cumpre os parámetros para o consumo.

Non é a primeira vez que a subministración de auga se ve afectada polos arrastres e o barro do río, máis en días de choivas intensas. A solución pasa por executar o proxecto de mellora  da planta de tratamento incluído no convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello e que suporá un investimento dun millón de euros no proceso de tratamento de auga. O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou o “interese e a vontade da propia conselleira, Beatriz Mato, en que esta obra se execute canto antes”. Esta mesma mañá, o alcalde mantivo conversas coa dirección de Augas de Galicia para trasladarlles a situación do servizo de subministración de auga. O seu director, Roberto Rodríguez, brindou ao Concello “calquera tipo de apoio técnico” por se era necesario e explicou que nestes momentos o proxecto de mellora da planta está en fase de redacción.  Trátase dunha obra clave “para garantir o sistema de abastecemento auga dos betanceiros”.

O primeiro edil aproveitou para interesarse polo plan director de saneamento que tamén contratará a Xunta e que nestes momentos está en fase de licitación.

Proxecto técnico. A solución técnica de mellora da planta de tratamento de auga recolle unha serie de obras que redundarán nunha mellora notable da estación de tratamento e dos bombeos de auga potable do concello “aumentando tanto a súa calidade como a cantidade de extracción”.

As obras que se pretenden executar consisten na mellora do sistema de abastecemento co fin de incrementar a capacidade de regulación, optimizando tamén os procesos de potabilización. O obxectivo, segundo indicou o alcalde, é garantir un mellor sistema e que os “betanceiros poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”. Esta actuación permitirá, entre outras cousas,  eliminar os problemas de turbidez da auga que se produce en determinadas épocas do ano.