O Concello amosou a súa satisfacción polo funcionamento do sistema de bombeo da Ribeira que evitaron as inundacións que se producían cada ano con mareas vivas

610

O Concello, Fomento e o persoal técnico da empresa que executou os traballos de mellora na Ribeira mantiveron durante a pasada fin de semana un seguimento exhaustivo do funcionamento dos equipos instalados na zona para evitar as inundacións que se producían cando en diferentes épocas do ano coincidían as mareas vivas coa preamar. As desta pasada fin de semana eran as de maior cota do ano, ademais doutras que se producirán a finais deste mes, e por iso é polo que se realizou un control da situación para comprobar que “os traballos executados na zona daban os resultados que todas e todo desexabamos”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

A alcaldesa indicou que “aínda que comprobaramos en diferentes momentos do ano e con diversas cotas que o sistema desenvolvido por Fomento funcionaba ao cento por cento para evitar as inundacións, as mareas vivas deste mes son unha proba de lume para comprobar a eficacia das obras tendo en conta que son as máis grandes do ano e que, noutros anos, con cotas como as da pasada fin de semana e algo máis baixas non se podía circular pola estrada e a todos nos veñen á memoria mesmo algún ou algunha en canoa, a modo anecdótico, pola estrada”.

As mareas vivas deste mes son unha proba de lume para comprobar a eficacia das obras

María Barral explicou que “afortunadamente esta situación xa non se deu, co cal o grao de satisfacción é máximo. Aínda así se puido comprobar como hai unha filtración ao baixo dunha vivenda, que agora será analizado e estudado para corrixilo, xa que non se vía durante o transcurso das obras, e outra pequena saída de auga nun pozo de rexistro, que foi a única aparición de auga na estrada, que nada ten que ver coas obras de Fomento e cuxo orixe se detectou onte está no bombeo municipal, que xa ten controlado a empresa concesionaria de auga e que se arranxará nos próximos días”.

A primeira edil agradeceu a Fomento a constante colaboración co Concello no seguimento das obras e “o interese de todas as partes implicadas porque non se produza ningunha filtración de auga despois de anos sufrindo constantes problemas non só na estrada senón nos edificios”. Para a alcaldesa os resultados desta obra de “enxeñaría non poden ser máis que satisfactorios e agora daremos os pasos necesarios para corrixir o que se detectou durante a pasada fin de semana e que, durante as obras, era algo imposible de comprobar”.