O Concello atrasa o inicio das obras de mellora da Biblioteca Municipal Castelao ao 15 de xullo para que as obras non afecten ás persoas usuarias que a utilizan como lugar de estudo

819
Interior

O Concello atrasará o inicio de diversas obras de mellora da Biblioteca Municipal Castelao ata o 15 de xullo co fin de que os traballos non inflúan na preparación dos exames tendo en conta que se trata dun espazo que é utilizado frecuentemente por numerosos estudantes, especialmente, en idade universitaria. A pesar de que as obras están adxudicadas e, por tanto, a empresa podería comezar os traballos, o goberno local, a través dun Decreto da Alcaldía, trasladoulle á adxudicataria que atrasen o seu inicio para non entorpecer a actividade.

Trátase de acometer a renovación e ampliación da rede eléctrica e da rede de datos na biblioteca e a mellora de distintos servizos, separando que fisicamente a rede de datos interna da utilizada polo público en xeral, o que permitirá nun futuro a conexión destas dependencias municipais co resto de oficinas mediante fibra óptica. Como complemento, adquirirase mobiliario para a zona na que se colocarán os computadores de uso público con novos puntos de acceso wifi.

Simultaneamente a este proxecto, o Concello ten prevista a substitución de todos os equipos informáticos existentes na mencionada dependencia. Todo, co único fin de mellorar o servizo que presta actualmente e achegar as novas tecnoloxías aos usuarios. O orzamento da actuación rolda os 30 000 euros.