O Concello buscará un acordo con Portos para evitar que o Club Ría de Betanzos teña que abandonar as súas actuais instalacións

91
A alcaldesa, María Barral e o concelleiros Diego Fernández e Andrés Hermida xunto a representantes do club Ría de Betanzos

A alcaldesa, María Barral, pedirá unha reunión urxente co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, para tratar de analizar a situación do Club de piragüismo Ría de Betanzos con relación á nave que ocupa, propiedade de Portos. A primeira edil pretende manter a reunión co máximo responsable de Portos despois de recibir a representantes do club, que lle deron a coñecer a situación que padecen e as dificultades para facer fronte ao canon establecido por Portos.

María Barral comprometeuse a mediar ante a Xunta e tentar buscar alternativas para que o club non teña que afrontar anualmente unha cantidade que “de xeito evidente é insostible para unha entidade deportiva que ten, especialmente, na formación dos nosos rapaces e rapazas a súa razón de ser”. A primeira edil explicou que, segundo os datos achegados polo club, nestes momentos os 12 000 euros que perciben do Concello a nivel de subvención “vanse directamente a pagar o gasto do canon que lles cobra Portos, e aínda así non lles chega”. Os responsables do club indicáronlle á alcaldesa, que estivo acompañada polos concelleiros de Deportes e Facenda, Andrés Hermida e Diego Fernández, respectivamente, que anualmente teñen que afrontar un gasto duns 18 000 euros, entre o canon de Portos (14 000 euros), o IBI (preto de 3000 euros) e os gastos de luz e auga. Para pagar esta cantidade botan man da subvención do Concello, e outras axudas co que “a situación é insostible”.

A alcaldesa exporá a Portos buscar alternativas que lle permitan ao club continuar nas actuais instalacións mais noutras condicións tendo en conta que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro. “Sabemos que noutras partes de Galicia, en situacións similares, houbo alternativas para permitir á actividade dous clubs sen ter que afrontar esta cantidade”, indicou María Barral.

Destacou, neste sentido, a clara vontade do club en facer fronte “ás súas obrigas, como quedou patente ao longo destes anos. Outros na mesma situación buscarían outras alternativas. Por iso, coida que entre as distintas partes hai que buscar acordos para que o club non sexa ao final ou máis prexudicado, cando, aínda por riba, o que se lle vendeu cando se construíron as instalacións, quizais non foi ou que logo se viron practicamente obrigados a afrontar con este acordo con Portos”.