O Concello celebra as Letras Galegas cun programa ateigado de actividades

1528
Aitor Coronado Lucas, de 5.º B do CEIP Francisco Vales Villamarín foi o gañador da IX edición do Concurso de carteis das Letras Galegas e ilustra o Programa das Letras Galegas 2018 do Concello de Betanzos

Ao longo de todo o mes de maio o Concello programou unha chea de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas e lembrar a María Victoria Moreno, a escritora homenaxeado polas Letras Galegas este ano. Estes días botou a andar a programación con diversas exposicións que lembran a súa vida e obra e que se poderán visitar no edificio Liceo en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados, e na Biblioteca Municipal Castelao de luns a venres de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h e os sábados de 10:30 h a 13:00 h.

Para alén disto, o Concello programou actividades con contido sociolingüístico e de reflexión social sobre a situación da lingua galega tanto para o alumnado de primaria como de secundaria dos centros de ensino de Betanzos. En concreto, este xoves 10 de maio terá lugar unha sesión da representación teatral “Bicos con lingua” de Talía Teatro para máis de douscentos alumnos e alumnas do IES Francisco Aguiar e do IES As Mariñas. Así mesmo, o venres 11 e martes 22 de maio terán lugar diversas sesións do obradoiro “Para lingua, a nosa!” de Xandobela para o alumnado de primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín e do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”. A maiores, Soledad Ferroza achegará o 23 de maio o espectáculo “Unha viaxe polos mundos de María Victoria Moreno” ao alumnado de ESO do IES Francisco Aguiar e do IES As Mariñas.

Na semana das Letras Galegas, o 16 de maio ás 19:30 h no Salón Azul está prevista a entrega de premios do IX Concurso de carteis das Letras Galegas e do VIII Concurso de creación literaria. O 17 de maio, ás 18:00 h na Aula Municipal de Cultura terá lugar o espectáculo para público infantil a partir de 6 anos “As aventuras de Gale” por conta de Xanela do Maxín e dentro da Rede Cultura da Deputación da Coruña. A proposta é unha historia chea de aventuras e desventuras que nos axudarán a comprender as circunstancias que rodean a Gale no día de hoxe, pero tamén a gran riqueza que supón contar con música, poemas, libros e canta cultura se creou e creará en galego.

Para finalizar o mes, o sábado 26 ás 20:00 h na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns terá lugar a representación teatral da obra “Falar sen cancelas” interpretada pola compañía Culturactiva dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC. Así mesmo, o xoves 31 ás 20:30 h na Sala Azul do edificio Liceo terá lugar a presentación do libro “Atlantidae: Mulher d’Água. Contos de mulheres e o mar” de Adela Figueroa Panisse con deseños de Celsa Sánchez Vázquez e editado pola fundación Eira na que tamén participará o coñecido Xurxo Souto.

Programa completo Letras Galegas VER