O Concello comezará nuns días a reforma da Cerca e Lanzós que se une á de Fonte de Unta e Ferradores

1188

O Concello comezará nos próximos nos días as obras de mellora da Cerca e da travesía de Lanzós. Os traballos, que se executan a través dun plan provincial, forman parte dun programa de mellora de rúas do centro histórico e únense aos de Ferradores e Fonte de Unta, que en conxunto chegarán aos 450 000 euros de investimento.

A rúa da Cerca é unha das rúas máis importantes do centro histórico. O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente en calzada e beirarrúas; provisión dos banzos e laxas de granito existentes en Porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento de calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do executado na rúa Nova, prevé a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6 cm de espesor en Travesía Lanzós coa colocación dos banzos e laxa de cantaría previamente levantados en Porta do Cristo e Ponte Vella; e a reposición pavimento de chapacuña e laxas de granito en entroncamento coas distintas travesías.

Ademais substituiranse as canalizacións da rede de saneamento, augas pluviais e abastecemento; con novos pozos de rexistro de aneis prefabricados de formigón, sumidoiros con arqueta de formigón e acometidas das baixantes dos edificios á rede xeral.

 

Os traballos coordinaranse coas obras de recuperación das vivendas adquiridas pola Xunta para programar as actuacións.

Fonte de Unta e Soportais

Outra das obras que o Concello acaba de iniciar é a mellora da rúas Ferradores e de Fonte de Unta. En ambas as dúas substituirase o pavimento  para evitar que cada certo tempo teñan que levar a cabo obras de reparación na actual chapacuña no que nos últimos anos o Concello investiu en arranxos arredor de 70 000 euros co que “o seu mantemento era insustentable”.

A reforma proxéctase ao longo de Fonte de Unta e na fachada dos Soportais e substitúe o pavimento actual de chapacuña por laxas de pedra granítica na zona de paso de vehículo para evitar así o levantamento continuo das pezas de chapacuña. As obras incluirán tamén a mellora da rede de recollida de augas pluviais.

O proxecto expón a substitución nas zonas de circulación rodada do actual pavimento por un de laxas de granito de 15 centímetros de espesor, e empréganse laxas de diferentes dimensións en función das zonas de paso de peóns e dos colectores de recollida de residuos.