O Concello completa o programa de instalación de desfibriladores con cursos de formación para o seu manexo

840
Andres Hermida concelleiro de deportes, Victor Mendez presidente de Cruz Vermella e Francisco Casal director Fundación A Caixa xunto aos representates dos clubs deportivos da cidade

O Concello, Cruz Vermella e a Fundación A Caixa entregaron os diplomas aos participantes nos cursos de formación para manexar aparellos desfibriladores, dentro do programa que leva a cabo o goberno local para completar a rede de desfibriladores na cidade e crear así novas zonas cardioprotexidas. Na formación, déronse consellos para actuar ante un paro cardíaco repentino, para realizar unha resucitación cardiopulmonar (RCP) que permita manter o fluxo necesario de sangue oxixenada ao cerebro e restablecer o ritmo cardíaco normal mediante o uso dun desfibrilador.

O concelleiro de Cultura e Deportes, Andrés Hermida agradeceulle tanto a Cruz Vermella, encargada de impartir esta formación, como á Caixa, por patrocionar a actividade, a súa colaboración no programa que, sen dúbida -indicou- porá Betanzos á altura dos estándares europeos en materia de creación de zonas cardioprotexidas, a forma máis eficaz de prevención de mortes por paro cardíaco.

Neste sentido, prevé colocar outros oito desfibriladores semiautomáticos (DESA) de última xeración que se unirán ao catro cos que xa conta. Con estas novas adquisicións preténdese aumentar de forma considerable as zonas cardioprotexidas, conscientes da importancia que teñen en lugares que rexistran unha gran afluencia de público. “En ausencia de atención inmediata, a taxa de supervivencia non chega ao 5%, pero en cambio excede o 50% nas instalacións cardioprotegidas, de aí a importancia capital da cardioprotección dos lugares públicos”, indicou o edil.

Así, ao polideportivo municipal, o campo de fútbol do Carregal, e os coches de Protección Civil e Policía Local que actualmente conta cun desfibrilador unirase o colexio Vales Villamarín, o Club Náutico Ría de Betanzos, o edificio do Arquivo do Antigo Reino de Galicia (Liceo), unha zona por determinar no centro histórico, no colexio de Atocha e no Instituto Francisco Aguiar e dúas superficies comerciais. “A nosa intención é reforzar a seguridade e prevención nas instalacións onde se concentra máis poboación; por ese motivo quixemos ir máis aló e adaptarnos aos estándares europeos con esta medida que, con todo, non é aínda de obrigado cumprimento nos concellos”.

Coa cardioprotección trátase de atallar a elevada incidencia a nivel mundial da morte súbita, un colapso ou paro cardíaco repentino en persoas que non teñen porqué mostrar síntomas de problemas cardíacos e que causa a morte en poucos minutos se non se intervén de forma inmediata.

Ademais da instalación, o Concello en colaboración coa agrupación local de Cruz Vermella darase formación a persoas que traballan nas instalacións, como o colexio, a representantes dos clubs deportivos, traballadores municipais, das superficies comerciais, con grupos reducidos e cursos de cinco horas de duración en materia de autoprotección e actuación ante emerxencias.

Os desfibriladores, tanto os instalados como os que se adquirirán, contan con telecontrol, teleasistencia e xeolocalización permanente, o que facilita a rápida intervención dos servizos médicos de emerxencia. Explicou que a cardioprotección fai que as probabilidades de sobrevivir á que é hoxe a primeira causa de morte prematura en España pasen de menos dun 5% a máis dun 50%.