O Concello construirá o patio cuberto do aulario do Vales Villamarín, cuxo anteproxecto lle presentou o alcalde ao conselleiro

1048
O anteproxecto presentóuselle ao conselleiro durante a visita realizada por ambos os dous ao colexio Francisco Vales Villamarín

O alcalde, Ramón García Vázquez, presentoulle ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o anteproxecto que o Concello encargou para a ampliación do patio exterior cuberto da escola de educación infantil do CEIP Francisco Vales Villamarín. O obxectivo era que o conselleiro coñecese de primeira man a actuación que levará a cabo o Concello, valorada nuns 160 000 euros, e que foi escollida dentro dos orzamentos participativos.

O anteproxecto presentóuselle ao conselleiro durante a visita realizada por ambos os dous ao colexio Francisco Vales Villamarín onde a Xunta, a petición da Comunidade Educativa e do propio Concello, executou diversas obras de adecuación do centro escolar centradas no cambio de xanelas, mellora de fachada e iluminación das aulas e outras instalacións. Traballos realizados froito da colaboración institucional entre a Xunta, o Concello e a comunidade educativa, segundo destacou hoxe o primeiro edil, que agarda que agora continúen nunha segunda fase coa parte do edificio que resta. “Agardamos que a Consellería poida acometer novos traballos na zona que non se incluíu na primeira fase e que o centro, un dos que conta con máis alumnado da provincia, construído nos anos 70 se adecúe na súa totalidade ás necesidades actuais do ensino”.

O primeiro edil agradeceulle ao conselleiro o seu compromiso “de acometer estas importantes obras polo que espera que as actuacións non acaben aquí e se poidan acometer máis traballos a curto prazo”.

Canto ao patio cuberto, o primeiro edil explicou que se enmarca dentro da colaboración institucional, que o Concello asumirá tendo en conta que se trata dunha necesidade para os nenos de cero a tres anos. O proxecto tamén incluirá a instalación de xogos infantís.