O Concello conta con todas as autorizacións para poder executar o novo proxecto de mellora da praza Enrique IV que sairá a contratación en breve

136

O Concello sacará a contratación o proxecto de renovación de servizos e pavimentación da praza Enrique IV, un proxecto que conta cun orzamento duns 140 000 euros. No seu momento, estes traballos foran adxudicados e iniciados, mais aspectos técnicos fixeron que se paralizasen e logo o Concello e a empresa acordasen a rescisión do contrato.

O proxecto inicial sufriu modificacións co que tivo que ser aprobado novamente pola Deputación Provincial e someterse á autorización de diversos organismos como a Demarcación de Estradas, Ministerio de Fomento, Camiño Inglés, Dirección Xeral de Patrimonio, Augas de Galicia, Demarcación de Costas e Dominio Público Marítimo-Terrestre. Co visto e prace de todas as administracións, o Concello sacará agora de novo os traballos a licitación.

As obras inclúen, entre outras cousas, a renovación da rede de abastecemento de auga e unha rede de residuais e pluviais; a reposición das beirarrúas, reparación das roturas na praza interior e as zonas que delimitan coa ría e repor bancos, farois e árbores.

Patio cuberto do colexio

Outra das obras que se sacarán en breve a contratación é a construción do patio cuberto do aulario de infantil do colexio Vales Villamarín, unha vez obtidas as autorizacións de Educación, Augas de Galicia e Patrimonio. O obxectivo é que as novas instalacións sexan unha realidade o próximo curso escolar. Para facer fronte a esta obra, o Concello reservou 170 000 euros con cargo ao programa de investimentos financiado co remanente de Tesouraría.

Tendo en conta as características da obra e o seu emprazamento, os traballos só poderían executarse nun período vacacional, por iso é polo que os traballos “realizaranse unha vez finalice o actual curso escolar. Non hai tempo material de abordalos noutro momento debido á duración das obras”.

O proxecto recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para o alumnado ata alcanzar os 370 metros cadrados. Realízase contiguo ao edificio existente, fronte á fachada do comedor. A maiores instalaranse cinco xogos infantís.