O Concello crea unha “zona 30” na Condesa dentro dun programa de obras de mellora do barrio

133
A Alcaldesa de Betanzos María Barral, xunto aos concelleiros, Diego Fernández, Mónica Carneiro e Pablo Beade durante a súa visita á zona

Será o primeiro barrio que acollerá a exposición sobre o 800 aniversario que agora se atopa no adro de San Domingos.

O Concello ultima as obras de acondicionamento do barrio da Condesa, na que nas últimas semanas se executaron diversos traballos de mellora de viarias, zonas peonís e seguridade viaria. Entre as actuacións, o Concello acaba de limitar a velocidade a 30 quilómetros por hora na rúa As Mariñas, unha das principais vías de acceso á urbanización, un límite que se completará, segundo anunciou esta mañá a alcaldesa, María Barral, durante a súa visita á zona, coa elevación de pasos peonís non só nesta rúa senón noutras zonas onde “a veciñanza trasladounos queixas por excesos de velocidade, que foron comprobados tamén pola Policía Local”.

A primeira edil explicou que se trata dun núcleo de poboación moi importante, onde debe primar a seguridade peonil por encima de todo polo que “ademais de crear esta zona 30 poranse en marcha outras medidas desde a Concellería de Tráfico”. Xunto a esta mellora, o Concello executou diversas actuacións no pavimento peonil, coa reposición de lastros; no mobiliario urbano; nos rexistros da rede de saneamento e no mobiliario urbano.

A alcaldesa, que conversou coa veciñanza da urbanización, anunciou tamén que dentro dos actos do 800 aniversario e coa “idea que temos de que sexa unha celebración de todos os barrios de Betanzos e a zona rural, a exposición de cubos que desde o pasado día 13 de febreiro está no adro de San Domingos sobre a historia de Betanzos trasladarase á Condesa a partir do próximo luns, iniciando así o seu recorrido por todo o municipio”.

María Barral anunciou tamén outras melloras en xardinaría e na pista polideportiva, na que xa se fixo un importante investimento, e na que se arranxarán as portarías “despois de que sufrisen diversos danos”.

Viarios municipais

Xunto con estas obras, execútase tamén a mellora de viarias municipais da zona rural, nas parroquias de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián, que forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais da Magdalena, Touriñao, Castro, Illobre, Vila de Suso, Guiliade, Infesta e Xan Rozo.

Trátase de camiños moi utilizados, permitindo nuns casos o acceso directo aos núcleos desde estradas autonómicas e provinciais e noutros a comunicación entre os distintos lugares do propio núcleo. Os camiños incluídos no proxecto son os de Touriñao de Abaixo, Touriñao de Arriba, Lamadaqueira, Castro, Xanrozo-Baiuca; Infesta-Xanrozo, ademais de varios en Vila de Suso, en Guiliade e Infesta.

a.