O Concello creará o primeiro “camiño seguro” entre o Vales Villamarín e o parque Alfonso IX

870

O Concello creará o primeiro tramo do “camiño seguro” para o alumnado do colexio Vales Villamarín, entre o centro escolar e o parque Alfonso IX. Así llo trasladou o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, á comunidade educativa durante a última reunión do Consello Escolar. Trátase dun primeiro tramo do camiño que logo se completaría cun segundo ata a praza dos Irmáns García Naveira. O tramo en cuestión prolongarase pola avenida Fraga Iribarne para logo continuar polas beirarrúas da marxe dereita da avenida do Carregal. O camiño estará sinalizado, con distintivos no chan. Neste caso será a imaxe dun parrulo a que axude aos nenos/as a seguir o camiño.

Como complemento a esta sinalización, realizaranse diversas actuacións en materia de mellora de seguridade viaria, elevando os pasos de peóns situados nas inmediacións do cuartel da Garda Civil, a ponte do Carregal e a piscina municipal. Ademais, eliminaranse as bandas rugosas que serán substituídas por “lombos de asno”. Como outras zonas do municipio, tamén se manterá unha zona 30, é dicir, con límite a 30 quilómetros por hora, ao longo deste traxecto.

O concelleiro de Educación anunciou tamén melloras na área de xogos infantís do colexio, co arranxo de varios elementos e a substitución do caucho que, co paso do tempo, está deteriorado. Tamén lembrou os traballos de mellora que se realizaron no centro, tanto de pintado, como iluminación, así como na cuberta do pavillón e na iluminación deste

Patio do colexio

Por outra banda, o Concello  contratará  as obras de construción do patio do colexio de infantil do Vales Villamarín. O obxectivo é que as novas instalacións sexan unha realidade o próximo curso escolar. Para facer fronte a esta obra, o Concello reservou 170.000 euros con cargo ao programa de investimentos financiado co remanente de tesouraría de 2017. Trátase dunha obra demandada pola Comunidade Escolar e o Concello e que agora será realidade pola colaboración entre a Consellería de Educación, o Concello, e a propia comunidade educativa (ANPA e dirección do colexio).

A obra foi a máis votada no programa de orzamentos participativos impulsado polo goberno local o pasado ano para o que destinou 50.000 euros. Dado que esta cantidade era insuficiente para abordar unha actuación acorde coas instalacións, desde o Concello mantivéronse novas conversacións coa Xunta para buscar “alternativas e poder executar un proxecto máis ambicioso e que, evidentemente, superaría os 50.000 euros que tiña previsto o Concello nese programa de orzamentos participativos”. Eses contactos con Educación finalizaron co acordo de que a administración autonómica redactaría o proxecto mentres que o Concello financiaría as obras, “xa que as consideramos sumamente necesarias. A súa execución non podía demorarse máis”, explica a alcaldesa.

Tendo en conta as características da obra e o seu emprazamento, os traballos só poderían executarse nun período vacacional, por iso é polo que os traballos “realizaranse unha vez QUE finalice o actual curso escolar. Non hai tempo material de abordalos noutro momento debido á duración das obras”. A partida prevista polo Concello alcanza os 170.000 euros. O proxecto recolle a  ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual,  que funcione como soportal e patio cuberto para os alumnos até alcanzar os 370 metros cadrados. Realízase contiguo ao edificio existente, fronte á fachada do comedor. Tamén se colocarán cinco xogos infantís.