O concello de Betanzos adhírese a campaña provincial “Liberdade de Ser e Sentir!”

1423
A alcaldesa María Barral acompañada doutros membros do goberno e representantes de entidades locais na concentración celebrada con motivo da campaña da liberdade de ser e sentir

Con motivo do 28 de xuño “día da diversidade sexual”, desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña impúlsase a campaña Liberdade de ser e sentir!, para sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

A Campaña circulará polas redes co cancelo #seresentir apostando, segundo a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, por “unha campaña que estará presente en 39 concellos da provincia e coa que buscamos a complicidade, a colaboración e o aproveitamento da mesma por parte dos distintos concellos para chegar a canta máis poboación mellor”.

A imaxe escollida para esta edición está baseada nunha estética graffiti como elemento reivindicativo por excelencia, sinónimo de liberdade e libre pensamento, conceptos moi vinculados coa Campaña. O lema “liberdade de ser e sentir!” quere ser un berro para reivindicar o dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas.

Este ano formarán parte da mesma un total 39 concellos da provincia da Coruña: AMES, ARTEIXO, ARZÚA, A POBRA DO CARAMIÑAL, AS SOMOZAS, BERGONDO, BETANZOS, CAMBRE, CARBALLO, CARIÑO, CEDEIRA, CERCEDA, CERDIDO, COIRÓS, CORCUBIÓN, CULLEREDO, FENE, FISTERRA, LAXE, LOUSAME, MOECHE, NARÓN, NOIA, OUTES, OZA CESURAS, PADERNE, PONTEDEUME, PORTO DO SON, RIANXO, ROIS, SAN SADURNIÑO, SOBRADO, TEO, TOQUES, TORDOIA, TRAZO, VAL DO DUBRA, VILARMAIOR e VIMIANZO.

Contémplanse dentro da campaña a posta en marcha de accións dirixidas a xerar na sociedade, especialmente na mocidade, valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais, co fin de naturalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais e visibilizar á comunidade LGTBQI+.

Tal e como mencionou Goretti Sanmartín “insistindo con esta campaña sobre os dereitos conquistados ao longo de décadas de traballo, dereitos que poden perderse moi rapidamente, polo que precisamos estar todos os días na rúa, e amparando desde as institucións a permanencia de dereitos básicos e dos principios de liberdade”.

Na presentación aproveitouse para dar a coñecer a web seresentir.gal e o spot promocional da campaña que transmite, a través do skate, liberdade e libre pensamento, conceptos vinculados con este deporte que perseguen sensibilizar e reflexionar sobre as diversidades sexuais e os estereotipos sociais.

Para máis información: www.seresentir.gal