O Concello de Betanzos conmemora o Día internacional do libro con contacontos e obradoiros

1342

O Concello de Betanzos conmemorará ao longo deste mes o Día Internacional do Libro, que se celebrou o luns 23 de abril, con distintas actividades programadas para promocionar o libro e a lectura, tentando promovela entre os máis novos e novas e achegarlle a importancia dos libros como ferramenta de enriquecemento cultural aos máis pequenos

O luns 23 de abril tiveron lugar tres sesións do contacontos “Ruta propia” de Raquel Queizás no CEIP Francisco Vales Villamarín e no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” durante toda a mañá. Neste contacontos Raquel Queizás comeza unha viaxe con María Victoria Moreno, por terra, mar e aire, lembra como ela amosou a nosa terra desde a paisaxe, a xente e, por suposto, a lingua que fixo súa. Ruta propia achegarase a perto de douscentos nenos e nenas de primeiro e segundo de primaria dos colexios betanceiros.

Sesión do contacontos “Ruta propia” de Raquel Queizás no CEIP Francisco Vales Villamarín
Cartel da actividade

Paralelamente, os días 25 e 26 de abril terán lugar nos centros de ensino de secundaria, o IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar, catro Obradoiros de creación escrita por conta da escritora galega Dores Tembrás para arredor de cen alumnos e alumnas de 2.º e 3.º da ESO, que lle ensinarán técnicas de escrita e creación literaria en galego e animarán ao alumnado a participar no VIII Concurso de creación literaria que o Concello de Betanzos convoca e cuxo prazo está aberto ata o vindeiro 7 de maio.

Dores Tembrás

En último lugar, a partir do día 23 de abril e ata o 31 de maio desenvolverase a campaña “Betanzos, poesía no comercio” que organiza o Concello de Betanzos e o Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Villamarín en colaboración cos comercios betanceiros.