O Concello de Betanzos lembra a Rosalía de Castro con diversas propostas

326

O Concello de Betanzos organiza esta e a vindeira semana varias actividades encadradas na programación do Día de Rosalía de Castro, que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. Entre estas destacan as actividades pedagóxicas que terán lugar os días 22 e 25 de febreiro no CEIP Francisco Vales Villamarín, e 26 de febreiro no IES As Mariñas e no IES Francisco Aguiar a través da compañía Xandobela que levará a xincana literaria “Rosalía na voz da xente” a douscentos cincuenta alumnas e alumnos que participarán nesta actividade que lembra a figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva lúdica, didáctica e pedagóxica.

O acto central da programación de Rosalía de Castro volverá este venres 22 de febreiro en forma de homenaxe e congregará a pequenos e maiores na Aula Municipal de Cultura para lembrar á escritora galega. A Homenaxe a Rosalía de Castro comezará por volta das 19:30 h e será conducida polos actores galegos Diego Freire e Ana Ponte que, ademais, achegarán a Betanzos as súas pezas teatralizadas “Sempre Rosalía”.

Un ano máis, o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella coorganizan este acto que conta coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín, o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” e o IES As Mariñas. Ademais, participarán, un ano máis, o Coro de Coirós e a Asociación Lar de Unta, que dará lectura ao manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega con motivo do Día de Rosalía de Castro. Tampouco faltarán veciños e veciñas que se suman á homenaxe Pepe Dopico ou Esther López Castro e mesmo algúns que lembrarán a Rosalía de Castro desde a emigración, como Gabriela Rodríguez e Paulo Carlos López.

A maiores, durante todo o mes pódese visitar unha exposición bibliográfica na Biblioteca Municipal Castelao sobre a autora e visualizar nos balcóns dos edificios municipais a exposición “Versos rosalianos na rúa” que intenta difundir a obra de Rosalía de Castro e homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro.

Podes consultar o programa do acto aquí.