O Concello de Betanzos remítelle á Xunta o documento de inicio do Plan xeral que, en todo caso, non estará finalizado ata 2022

714

O Plan xeral de Betanzos avanza na súa redacción logo remitirlle á Xunta o documento de inicio no que se establecen as bases da ordenación. O proxecto é o mesmo no que traballou o goberno local durante o pasado mandato e do que informou aos distintos grupos políticos municipais. O borrador prevé 2210 novas vivendas en solo urbano (1339 en urbano consolidado, 711 en non consolidado, ás que hai que sumar 160 de ámbitos que contan con plan subsistente). A estas 2210 novas vivendas en solo urbano, o borrador amplía esta cantidade con 177 novas vivendas en urbanizable. En núcleo rural mantéñense sen apenas variación. O borrador expón unha capacidade teórica de ata 892 vivendas. En total, Betanzos prevé un límite de 3279 novas vivendas no período de vixencia da PXOM.

A empresa que desenvolve os traballos é Oficina de Plan SA. Un dos aspectos que o pasado ano tívose en conta, ademais do económico, para a adxudicación dos traballos foi a duración dos mesmos. O prego de condicións prevía un tempo de 30 meses, unha duración que se establece como resultado de sumar o tempo de traballo que se prevé poida levar cada unha das fases de elaboración do documento. Neste sentido, a eses meses haberá que sumar tamén o tempo que poida haber entre fase e fase e o que “as administracións dediquen ás tramitacións que sexan das súas competencias”. En calquera caso, o PXOM non estará finalizado ata principios de 2022.

Os traballos de redacción realízanse en varias fases. A primeira de elaboración do documento de inicio ou anteproxecto de plan. Esta fase centrouse en recoller información de toda índole precisa para a elaboración dos traballos para logo, unha vez analizado un primeira diagnose, elaborar o anteproxecto de plan como documento de inicio que ten por finalidade servir de orientación para a elaboración e avaliación ambiental do plan e, en consecuencia, conterá un estudo detallado do medio rural e do modelo de asentamento poboacional, a descrición e avaliación do sistema de núcleos e os obxectivos de planificación.

A segunda fase comprenderá a elaboración do informe de sustentabilidade ambiental e documento para o informe previo á aprobación inicial, elaborando toda a documentación que integra o Plan Xeral. Este documento será o que se someta a informe previo á probación inicial da Consellería de Medio Ambiente. Con todo iso, elaborarase o documento definitivo tanto para a aprobación provisional ou definitiva do Plan Xeral, introducindo os cambios derivados das alegacións que se produzan durante a información pública e as consultas ou informes sectoriais emitidos polos distintos organismos.

Sería o pleno do Concello o que tería entón que aprobar o documento de forma provisional para que logo a Xunta o aprobase de forma definitiva.