O Concello de Betanzos valora moi positivamente o resultado das festas San Roque 2019

1069
Concerto extraordinario da Orquestra Sinfónica de Galicia na praza García Irmáns

O goberno local mostrou a súa satisfacción polo resultado das festas patronais de San Roque, que destacaron de novo pola súa ampla participación, un aspecto que o Concello subliña “tendo en conta que unha das claves da programación centrouse en ofrecer actividades para todas as idades e cunha homoxeneidade, un equilibrio, en canto á programación diaria cunha alternancia e mestura de eventos de diferente natureza que todos os días congregaron a miles de persoas durante estas dúas semanas”.

Unhas festas que tiveron tamén unha importante repercusión na economía a nivel local. Desde o teatro, a maxia, as festas infantís, as competicións deportivas, e, por suposto a música, coas mellores orquestras (París de Noia e Panorama, entre elas), diferentes concertos, e artistas punteiros como Luz Casal, ou os concertos extraordinarios da Orquestra Sinfónica e Milladoiro, combinado todo iso con tradicións como o globo, as xiras a Os Caneiros e a coroación da Raíña, volveron facer de Betanzos un referente durante este mes de agosto.

As festas concluíron coa segunda xira a Os Caneiros que se desenvolveu cunha mellor afluencia de xente que a primeira. Neste caso, foi necesaria a evacuación de cinco persoas por intoxicación etílica. Os servizos de limpeza realizaron durante toda a xornada de hoxe diversos traballos no campo coa retirada de 3 toneladas de residuos, xusto a metade que durante a primeira xira.