O Concello denuncia ante a UE e reclama 519.429 euros que deixou de cobrar en IBI pola AP-9

347
Autopista ao seu paso por Betanzos

O Concello  presentou unha denuncia ante a Unión Europea  pola exención do 95% na base impoñible do IBI a Autoestradas da Atlántico SA que se aplica de acordo a unha bonificación fiscal aprobada nunha lei de 1972 e que seguirá vixente ata 2023.

Esta bonificación, sen compensación ningunha por parte do Estado, choca frontalmente co mandato do artigo 9.2 da Carta Europea de Autonomía Local ao privar ás entidades locais dunha parte moi importante dos seus recursos financeiros para facer fronte ás súas competencias. É máis, neste caso, o Concello considera que non só se lle priva senón que, en realidade, “son os veciños e veciñas de Betanzos os que asumen tal bonificación usando ou non a autoestrada”.

No caso de Betanzos,  a Tesouraría Municipal calcula que a cantidade que deixou de percibir o Concello no últimos catro anos é de 519.429 euros.

Os servizos xurídicos do Concello consideran que non pode existir unha norma xurídica que contraveña os principios dos Tratados da Unión Europea. Consideran que a exención do 95% na base impoñible do IBI xera unha diminución dos ingresos da Administración local, e, en definitiva, unha quebra do principio de suficiencia financeira que sanciona a Carta europea de autonomía local, sen que o Estado compense de ningunha outra forma aos entes locais desta exención ou diminución de ingresos para facer fronte ás súas competencias previstas na vixente Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases de réxime local

Coa particularidade ademais, que existe unha xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo que sinala que non existe obriga do Estado en compensar ás entidades locais pola devandita exención, ou o que é o mesmo, as entidades locais non teñen dereito a esixirlle ao Estado a que as compensen pola devandita exención.

En definitiva, a bonificación do 95% na cota da base impoñible do Imposto sobre Bens Inmobles, sen compensación ningunha por parte do Estado (quen de forma unilateral a estableceu), choca frontalmente co mandato do art. 9.2 da Carta europea de autonomía local. Pero tamén choca co art. 107.1 (antigo art. 87 TCE) do Tratado da unión europea, ao establecerse unha axuda de Estado que é incompatible co mercado común, ao distorsionar ou ameazar con distorsionar a competencia, aparecendo unha desvantaxe para as empresas non destinatarias dunha exención de impostos, cun correlativo trato de favor cara a outros operadores económicos que se ven liberados de satisfacer os impostos establecidos con carácter xeral, infrinxindo o principio de que as empresas compiten sobre a base dos seus propios esforzos.