O Concello derrubará, de maneira subsidiaria, a parte superior dunha vivenda situada na praza da Constitución número 2

1035
O edificio está situado na praza da Constitución, cerca do Concello

Os feitos remóntanse a un fallo xudicial de 2011, despois de que as persoas propietarias do inmoble non adaptasen a este á licenza concedida polo Concello en 1995. En distintos fallos xudiciais, ordénanlle ás persoas propietarias axustar a construción do edificio á licenza outorgada en 1995 que só contemplaba obras menores e a reparación dunha cuberta sen tocar a estrutura interior do inmoble. As obras realizadas, con todo, consistiron no baleirado do inmoble e a construción dunha estrutura nova de formigón e aceiro, así como o aumento do volume inicial da edificación.

En 2011, despois de que o xulgado comprobase que as actuacións realizadas no inmoble non se axustaban tampouco ao establecido na sentenza de 2002, requíreselle ao Concello que adopte as medidas precisas para chegar á execución material da sentenza. Ao longo destes anos a parte demandada realizou diversos trámites pola vía xudicial ata que finalmente, o pasado ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle confirmou ao Concello a execución da derrubamento nos termos do proxecto achegado polo propio Concello sen prexuízo da adopción de medidas que o persoal técnico competente entendese necesarias durante o curso das obras.

Os traballos de derrubamento afectaranlle á terceira planta e o ático do inmoble e a outros elementos do edificio que non se axustaban á licenza concedida en 1995 e que non afectan á seguridade dos edificios lindeiros. Neste sentido, e atendendo a medidas de seguridade manteranse a estrutura de formigón, de vigas e alicerces, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Antonio Vázquez Lorenzo, tal e como se recolle no proxecto técnico. As medianeiras limparanse e sanearanse , aplicando, se fose preciso, un proxectado de poliuretano que a sele e evite filtracións nas edificacións lindeiras. Os traballos suporán un custo duns 35 000 euros, entre o proxecto técnico e os traballos de derrubamento dos distintos elementos.