O Concello destina 200.000 euros para cubrir unha das zonas de xogos infantís da cidade.

948

O Concello ultima o proxecto para cubrir unha zona de xogos infantís. Pendente de pechar ou elixir a proposta técnica que contratará, o goberno local pretende sacar a licitación as obras entre finais deste ano e principios de 2019. En función da solución que se adopte, buscando sempre un menor impacto, pero que ao mesmo tempo sexa funcional, este primeiro parque cuberto infantil estará situado no centro urbano.

“Nos próximos días tomarase a decisión definitiva, en función da proposta técnica que se expoña. A intención é que contemos canto antes cunha zona de xogos infantís cuberta e que este tipo de instalacións poidan utilizarse ao longo do ano con independencia da meteoroloxía que haxa”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, quen confirmou que para esta actuación existe unha partida duns 200.000 euros dentro do programa de investimentos previsto cos remanentes.

A primeira edil indicou que se trata dunha actuación que, como outras das incluídas con cargo ao remanente de tesourería, “responden a acordos plenarios ou peticións realizadas polos veciños, algunhas delas recollidas tamén no programa de orzamentos participativos impulsado polo Concello.”

Outra das obras incluídas neste plan e cuxa contratación se pretende realizar a curto prazo é o proxecto de mellora de sinalización na zona rural ademais da instalación de rede de saneamento en varios lugares. Entre eles, destacan as obras en Montellos e na avenida Fraga Iribarne cunha partida de 120.000 euros.

Entre os equipamentos previstos a curto prazo polo goberno local tamén se atopan os deportivos, dentro do programa de mellora e renovación que está a levar a cabo a concellería de Deportes. Neste caso, prevese substitución do campo de herba artificial de O Carregal, cunha achega de 150.000 euros.

A construción do patio cuberto do aulario de infantil, no que o Concello investirá máis de 170.000 euros é outro dos proxectos que se pretenden contratar canto antes por parte do goberno local xa que “as obras executaranse durante o período de vacacións estivais ao non poder desenvolverse coincidindo coa presenza do alumnado nas instalacións. Por esa razón hai que apurar os prazos e que todo estea contratado para comezar os traballos tan pronto finalice o actual curso escolar”.