O Concello dota con novo mobiliario o comedor do Vales Villamarín para dar servizo aos preto de 500 alumnos e alumnas que se inscribiron no comedor

45

O servizo de comedor e mañanceiros/as do colexio Vales Villamarín terá este curso case 500 alumnos e alumnas entre Infantil e Primaria. Os datos foron achegados esta mañá pola alcaldesa, María Barral, quen explicou que ante a demanda o Concello tivo que dotar de con máis mobiliario ao colexio para poder dar servizo a todos os usuarios e as usuarias do comedor, a pesar de que non é unha competencia directa do Concello. No período de matrícula déronse de alta uns 420 alumnos e alumnas do centro. Con todo, conforme se achegaba a data de inicio do curso escolar incrementáronse as peticións para inscribirse no servizo de comedor e mañanceiros/as, chegando a 74 escolares máis. Nese momento, o Concello, co fin de que o alumnado non ficase sen servizo, decidiu, en contacto coa dirección do colexio, “dotar as instalacións con máis mobiliario e poder así ofrecer o servizo a arredor de 500 alumnos e alumnas do colexio que o solicitaron”.

A alcaldesa lembrou que se trata dun servizo polo que o Concello apostou no seu momento e que “por tanto había que pór os medios necesarios para que o alumnado non quedase fose deste. Sabemos que temos limitacións de espazo mais coa colaboración do colexio e pondo os medios necesarios ao final puidemos crear unha zona de comedor na que poder albergar a todo o alumnado que o solicitou. Os problemas tiñámolos en Primaria, xa que en Infantil hai suficiente espazo e medios para o comedor”.

María Barral indicou que se trata dun servizo subvencionado polo Concello que, en función da renda per cápita e outras consideracións, outorga axudas que van desde o 20% ao 100% da contía deste. O prezo do comedor para todo o mes é de 69,30 euros.

A primeira edil indicou que ao fío das peticións recibidas este ano para o servizo e tendo en conta que para poder ofrecer o comedor “foi necesario ocupar un espazo importante do salón de actos”, o Concello “incidirá ante Educación para que se acondicione unha zona que agora está libre, pegada ao actual salón de actos e comedor, para que se habilite como espazo para comedor”.

Desta forma manteríase o salón de actos para actividades e “abordaríase a petición realizada polo propio Concello e a comunidade educativa que considera necesaria esta ampliación para cubrir os servizos de comedor dos que nestes momentos benefícianse practicamente a metade do alumnado do colexio”.