O Concello e a Xunta asinan un convenio para redactar un novo plan especial de protección do centro histórico

921

O Concello e a Xunta asinaron o convenio de colaboración que permitirá contratar os traballos de redacción do Plan Especial de Protección do Centro histórico. Tras o acordo, asinado pola alcaldesa, María Barral, e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, elaboraranse os pregos de prescricións técnicas para sacar a contratación o documento. A primeira edil agradeceulle á conselleira a achega e a colaboración da súa Consellería para que Betanzos poida revisar o seu plan especial. O custo de redacción do documento é duns 150 000 euros.

María Barral explicou que a redacción do Plan Especial é un dos “obxectivos do goberno local para a revitalización do centro histórico e iso vai aparellado, sen  lugar a dúbidas, á revisión do plan, unha das accións prioritarias e ineludible  para este goberno”. Indicou que despois do convenio “sairán a licitación os traballos de redacción para os que previamente xa elaboramos os informes pertinentes, é dicir, xa temos moitos deberes feitos con datos de medio físico, poboación, infraestruturas, edificacións e construcións, usos do solo, interese e valores culturais, etc., tanto recompilando os datos existentes en arquivos ou outros fondos como efectuando os traballos de campo precisos para a actualización destes”.

A primeira edil indicou que esa documentación permitirá agora contratar a redacción dun novo Plan Especial que substitúa ao actual PEPOCH, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña na sesión de 2/12/1992 (BOP n.º 299 de 30/12/1992) e redactado ao abeiro da Lei 16/1985, de 25 de xuño, de patrimonio histórico español.

A alcaldesa explicou que o plan especial será un documento adaptado á normativa vixente, é dicir, á Lei de Patrimonio, co que pretendemos “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles cun plan acorde á situación actual, pero cumprindo, como non podía ser doutra maneira, as normativas e o que nos permitan estas”.

O obxectivo, indicou,  “pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definindo usos e conservando o que se estableza no plan especial. Temos unha xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar”. Deberá estar aprobado en 2022.

A alcaldesa, María Barral entregando a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, a figura de porcelana do 800 aniversario