O Concello e a Xunta pechan o proxecto de mellora da planta de tratamento de auga que se sacará a licitación este ano cun investimento de máis de un millón de euros

1091
Ramón García Vázquez e o concelleiro de infraestruturas Antonio Vázquez durante unha visita as instalacións da pranta de captación de auga

Betanzos mellorará notablemente o sistema de tratamento e captación de auga potable a través dun proxecto que a Xunta sacará a licitación este mesmo ano. O alcalde, Ramón García Vázquez, mantivo con persoal técnico de Augas de Galicia e da empresa concesionaria do servizo de abastecemento unha xuntanza de traballo en que se analizaron as actuacións definitivas que contempla o proxecto que levará a cabo a Consellería de Medio Ambiente e que, nestes momentos, xa está elaborado para sacar a licitación proximamente.

Unha nova xuntanza que se suma a outras mantidas durante os últimos meses entre ambas as partes para definir as actuacións dun proxecto que o alcalde cualificou como “vital e necesario” para mellorar a estación de tratamento cuns traballos que suporán unha inversión de máis de un millón de euros.

O proxecto recolle unha proposta do Concello á Xunta que logo se tratou en varias ocasións coa propia conselleira, Beatriz Mato, “quen desde un principio se amosou interesada en atender a demanda” para despois manter varias xuntanzas de traballo co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.

As obras consistirán na mellora do sistema de abastecemento coa fin de incrementar a capacidade de regulación, optimizando tamén os procesos de potabilización. O obxectivo, segundo indicou o alcalde, é garantir un mellor sistema e que os “betanceiros poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.

Os traballos, que poderán iniciarse a principios de 2019, incluirán unha serie de obras na planta de tratamento, con melloras no tratamento fisicoquímico; na capacidade de depuración e outra serie de “actuacións a nivel técnico” que permitirán, entre outras cousas, eliminar os problemas de turbidez da agua que se producen en determinadas épocas do ano. Quedaría para unha seguinte fase de obras a mellora dos bombeos.

A orixe desta turbidez está na situación do río e dos lodos que arrastra despois de que se produzan choivas intensas. Os índices que marcan a turbidez da auga do río (os denominados NTU, unidades nefelométricas de turbidez) sitúanse habitualmente entre as 10 e as 20 unidades. Se coincidiren con fortes choivas, estes niveis pódense situar, como sucedeu o pasado ano, entre as 80 e as 120 unidades, o que complica de maneira extraordinaria o proceso de tratamento na planta e, de aí, a necesidade de que teña que executarse un proxecto das características do que o Concello lle propuxo á Xunta.