O Concello elimina as barreiras arquitectónicas do Liceo coa instalación dunha rampla de acceso

997

O Concello concluíu as obras de instalación dun novo acceso ás oficinas do edificio Liceo a través da instalación dunha rampla. Trátase dun proxecto que o goberno local pretendeu executar hai uns anos pero que, no seu momento, non contou coas autorizacións correspondentes dada a singularidade do edificio e a súa contorna. Agora, tras realizar diversas adaptacións, chegouse a un acordo con Patrimonio para poder executar o proxecto.

A rampla instalouse na fachada principal do edificio, coincidindo cos accesos ás oficinas centrais do Concello. Trátase dunha rampla de estrutura lixeira e provisional para salvar o desnivel existente entre a vía pública e o interior do Liceo e facilitar así o acceso a todos os usuarios. A rampla arrinca na vía pública, concretamente na esquina do edificio con escaleiras que dan acceso á Alameda. Discorre en paralelo á fachada e ten unha lonxitude de aproximadamente dez metros.

Desembarca na porta de acceso ás oficinas e desde aquí, para superar o desnivel interior, instalouse unha pasarela abatible mediante un mecanismo de bisagras de fácil apertura e peche.

Esta nova plataforma de acceso ao Liceo conta con estrutura metálica formada por perfís de aceiro, con tarima sintética e unha varanda adaptada de deseño.

Ata agora as persoas con discapacidades que accedían ás oficinas do Liceo facíano a través da aula de Cultura, por medio dunha rampla móbil, desde a rúa, e desde aí a través dun corredor interior.

O acceso desde a aula de Cultura manterase para persoas con discapacidades que teñan que desprazarse ao segundo andar do edificio Liceo a través  do ascensor que conecta esta zona con outras oficinas municipais o salón Azul, a sala de exposicións ou a alcaldía.

Os traballos foron financiados polo Concello dentro do programa de eliminación de barreiras arquitectónicas. Tivo un orzamento próximo aos 13 000 euros.